viernes, 19 de diciembre de 2008

Xesús, un campesiño xudeo do ano 1?

Este é o título que a revista Clio lle dá ao artigo da páxina 3 da revista neste mes de decembro.
No artigo que se encontra dentro dunha serie "Mentiras da historía" di que segundo os estudos de Jordi Vidal, investigador da Universidade de Londres, que si aceptamos que Xesús naceu en tempos de Herodes o Grande, deberemos tamén observar que Xesús naceu, como mínimo, no ano 4 antes da nosa era, pois este é o ano en que morreu Herodes o Grande. Este contrasentido que tal vez se deba ao monxe Dionisio o Exiguo, que no século VI creou un calendario litúrxico que contaba os anos dende o nacemento de Xesús.
Sucede o mesmo coa data do nacemento, o 25 de decembro. Segundo o Evanxeo de Lucas, a noite na que naceu Xesús había pastores cuidando aos rabaños á intemperie, actividade imposible en Palestina a finais de decembro debido ás baixas temperaturas.
Poida que a elección do 25 de decembro como data da natividade de Xesús debeuse a vontade dos primeiros cristiáns en facer que coincida o seu nacemento coa festividade dunha das divinidades máis populares no Imperio Romano, Mitra.
Mitra era o deus indo-iraniano da xustiza e o mitraísmo foi unha das relixións máis populares do antigo Imperio Romano, sobre todo entre os soldados. A historía de Xesucristo ten tantas cousas en común coa de Mitra, que se chegou a sospeitar que o cristianismo era un derivado da fe persa.
Chegaron ata nós moi poucos documentos sobre o mitraísmo, así que o que se sabe extraeuse das pinturas sacras atopadas nos mitreos, que eran os templos onde se rendía culto ao divos Mitra.
Mitra naceu o 25 de decembro, nunha cova escura e os pastores foron os primeiros que o atoparon e o adoráron.
Trouxéronlle agasallos, ouro e esencias.
A súa nai era unha virxe, chamada Nai de Deus.
Mitra era un lazo de unión entre Deus e a xente. Era un representante de Ahura Mazda na Terra.
Foi enviado polo Pai para que se cumprisen os seus desexos na Terra, e o seu sacrificio ten como finalidade a redención do xénero humano.
O transitus (viaxe de Mitra co touro sobre os ombreiros) recorda ao Vía Crucis do Evanxeo.
Os mitraístas crían na resurrección, na comuñón con pan e viño, no ceo e no inferno.
Mitra recibía apelativos da Luz, o Bo Pastor, A Verdade.
O día sacro do mitraísmo era o domingo.
O mitraísmo represéntase cunha cruz nun círculo, que simboliza o sol. As catro esquinas da cruz representan o ano solar. No Cristianismo, a cruz representa o sufrimento.
A finais do século IIIa.C., fundiuse a relixión mitraica co culto ao sol e cristalizaron na nova relixión do Sol Invictus. O emperador Aureliano fíxoa oficial no ano 274 a.C. e cada 25 de decembro celebrábase o festival do Natalis Solis Invicti (o nacemento do sol invencible).
Mitra, cuxos orixes son moi anteriores ao cristianismo, naceu na noite máis longa do ano. Simbolizaba o nacemento da luz e a esperanza e a renovación da natureza. O nacemento de Cristo situouse na mesma data do calendario solar.
A finais do século III, comezou a decaer o mitraísmo. A forte competencia do cristianismo, apoiado por Constantino I O Grande, rouboulle adeptos. Ademais, o mitraísmo excluía ás mulleres que si tiñan dereito a participar no cristianismo.
O cristianismo desprazou ao mitraísmo no século IV, ata converterse na única relixión oficial do imperio con Teodosio (379-394). O mitraísmo prohibiuse oficialmente no ano 391, aínda que se mantivo a súa práctica clandestina durante algún tempo.
Os mítreos, unha especie de covas onde cavían unhas 30 ou 40 persoas acabaron sendo as criptas de moitas igrexas cristiás.

jueves, 18 de diciembre de 2008

AS EGUAS PREÑADAS POLO VENTO»

Un dos máis soados mitos relacionados coa vella Hispania foi o das eguas ás que fecundaba o vento; mito que foi moi popular na Antigüidade, a pesar de transcorrer nun “finis terrae”.

Consiste na crenza, ou máis ben na afirmación (pois para os antigos o mito, a diferenza da fábula, é unha “vera narratio”), dun feito tomado como certo: Preto de Olisipo (Lisboa), as eguas, volvéndose cara ao Océano, isto é, cara ao Occidente, podían ser fecundadas polo vento do Oeste, o Zephyrus grego (Favonius romano), un vento reconocidamente cálido e vivificador. Preñadas así por un deus, parían poldros velocísimos pero que morrían pronto.
O mito é referido con distintos detalles por dezasete escritores antigos, desde Homero na Ilíada (s. IX-VIII a.C.) ata autores cristiáns do século IV-V d.C. como Lactancio e san Agustín, pasando por tratadistas tan serios como Aristóteles, o propio Plinio o Vello ou Claudio Aeliano na súa “De natura animalium”. Pero, a pesar destes testemuños antigos, a crítica histórica moderna veuno considerando un bulo ou como expresión ambigua dunha estrutura social de tipo matriarcal.

Na "Historia de las mujeres" no volume dedicada a Idade Media, no capitulo "La mujer y los alientos" fala que Alberto Magno evoca o caso da muller que, segundo propia confesión, obtiña pracer coa acción do vento. Esta anécdota serve para esbozar a comparación frecuente entre a muller e a egua, capaz de concevir grazas á acción do vento.



Versión en castelán


LAS YEGUAS PREÑADAS POR El VIENTO»

Uno de los más célebres mitos relacionados con la vieja Hispania fue el de las yeguas a las que fecundaba el viento; mito que fue muy popular en la Antigüedad, a pesar de trascurrir en un "finis terrae".

Consiste en la creencia, o más bien en la afirmación (pues para los antiguos el mito, a diferencia de la fábula, es una "vera narratio"), de un hecho tomado cómo cierto: Cerca de Olisipo (Lisboa), las yeguas, volviéndose hacia el Océano, esto es, hacia el Occidente, podían ser fecundadas por el viento del Oeste, el Zephyrus griego (Favonius romano), un viento reconocidamente cálido y vivificador. Preñadas así por un dios, parían potros velocísimos pero que morían pronto. El mito es referido con distintos detalles por diecisiete escritores antiguos, desde Homero en la Ilíada (s. IX-VIII la.C.) hasta autores cristianos del siglo IV-V d.C. como Lactancio y san Agustín, pasando por tratadistas tan serios como Aristóteles, el propio Plinio el Viejo o Claudio Aeliano en su "De natura animalium". Pero, a pesar de estos testimonios antiguos, la crítica histórica moderna lo consideró uno bulo o como expresión ambigua de una estructura social de tipo matriarcal.

En la "Historia de las mujeres" en el volumen dedicada la Edad Media, en el capitulo "La mujer y los alientos" cuenta que Alberto Magno evoca el caso de la mujer que, según propia confesión, obtenía placer con la acción del viento. Esta anécdota sirve para esbozar la comparación frecuente entre la mujer y la yegua, capaz de concebir gracias a la acción del viento.







miércoles, 17 de diciembre de 2008

Seres fantásticos galegos

As Mouras: Son mulleres belísimas e encantadas que viven nos fontes, castros e penedos. Unha destas mouras é Ana Manana.
Esta moura vive nuha fonte que leva o seu nome, nuns penedos próximos ao Pozo Meimón, no río Miño, moi preto da cidade de Ourense. Sábese que é fermosísima e viste de branco.
Contan que un galego que voltaba da sega en Castela topou no camiño cun señor moi ben vestido, que lle preguntou de onde era e se sabía do Pozo Meimón. O labrego respondeu que si, e entón o señor díxolle:
- Ti queres ser rico?
- Home!
- Pois entón vas onda o Maimón, achégaste a fonte que está a carón e berras tres veces: Ana Manana!. Á terceira sairá unha señora moi fermosa e dáslle este queixo que che dou. Fixate que ten catro cornos. Ela hacho de agradecer facéndote rico. Pero coida de non llo contar a ninguén, e aínda menos a túa muller.
-Ai, ho! Iso está feito!
O labrego atou o queixo nun pano e seguiu camiño mentres lle daba á cabeza botando as contas da leiteira. Antes de ir ao Meimón, como levaba tanto tempo fóra da casa, pasou a ver a súa muller; ao ver esta o paquete que levaba nas mans, díxolle :
-Vai, home, tráesme un galano!
- Non muller. Isto é un encargo que me fixeron. Non se che ocorra tocalo.
- E non podo velo?
-Non
- E para min non hai nada?
-Polo de agora non. Ti non toques o paquete e xa verás cando volva de facer o encargo. Non che ha pesar.
Nun descoido a muller abriu o pano, viu o queixo, gorentoulle, e rebandoulle un corno. Logo envolveuno e deixouno onde estaba. O home, sen saber, colleu o queixo e marchou cara ao Maimón. Chegou a fonte e berrou:
-Ana Manana! Ana Manana! Ana Manana!
Saiu a moura, belísima pero moi irada:
-Que queres?
-Traioche este paquete
-A ver!. Que fixeches?. Non che dixeron que non lle tocaras? -dixo ao ver o queixo sen un corno. Pousou o queixo no chan e este volveuse un cabalo, pero coxo, faltáballe unha pata.
- Agora non podes desencantarme. Este é o cabalo no que ía marchar e mira como está. Perdiches as riquezas coas que ía agasallarte. Vaite para a casa e lévalle á túa muller esta faixa, e o único que che podo dar. Cando estea para parir poslla.
A dama e o cabalo desapareceron pola boca da fonte. O home colleu a faixa e marchou pero ocorréuselle ver que tal lle quedaría a faixa a súa muller e púxoa a redor do tronco dunha sobreira, entón unha labarada queimou faixa e sobreira.
Existe unha clara relación de Ana Manana con Ana, Dana ou Diana, deusa das augas e das fontes e do outro mundo, a quen están dedicados o río Ana (ou sexa Guadiana) a Lagoa de Anna (Albufera de Valencia), o Coto de Doñana, os ríos D`nieper, D`niester, Don, Danubio, etc. É a mesma que a Anna Purna india e Anna Perenna romana. Foi cristianizada como Santa Ana (?). Trátase con toda evidencia da mesma figura que "as xanas" asturianas e "as anjanas" cántabras.
Dicionario dos seres Míticos Galegos. Editorial Xerais

martes, 16 de diciembre de 2008

As Ninfas, os Faunos, os Sátiros e Silvanos

Eran divinidades menores femininas que vivían nas montañas, nas fragas, nos ríos, nas fontes. Eran mozas moi fermosas e había varios grupos e categorías: as Ninfas Melias ou "dos freixos", nacidas o mesmo que os Xigantes do sangue de Urano; as Dríades ou Hamadríades "Ninfas dos carballos" ou "das árbores" en xeral, cuxa vida estaba ligada a unha árbore determinada; as Náyades ou ninfas das augas doces, sobre todo dos regatos, arroios e fontes de montaña; as Oréades ou ninfas dos montes; as Alseides ou "das fragas"; as Antríades ou "das covas"; tamén as Oceánidas, fillas como os ríos do Océano e de Tetis (a avoa) e das que hai ata corenta e un nomes peculiares.
Menos as Melias e as fillas dun río determinado, as demais carecen de xenealoxía ou considéranse fillas de Zeus ou do Océano.
Os Faunos, Sátiros e Silvanos son tres grupos que case non se destinguen entre si, son a correspondente masculino das Ninfas, é dicir, divinidades inferiores dos montes, de carácter semianimal, polo menos con cornos e pezuños de castrón (en galego tamén se denómina: cabrón, chibo, bode, godallo) e luxuriosos. Pola súa orixe os Faunos son latinos e identifícanse cos Sátiros gregos do cortexo de Baco. Os Silvanos son tamén latinos identificados co deus dos montes gregos, o arcadio Pan, o gran deus pastoril, con cornos, patas e pezuños de castrón, fillo de Mercurio e de Dríope segundo uns, de Mercurio e de Penélope (a muller de Ulises) segundo outros.

lunes, 15 de diciembre de 2008

Lucifer

Este nome aparece varias veces nos poemas de Ovidio e refírese ao planeta Venus, luceiro vespertino e tamén matutino. Lucifer ou Lucífero é a tradución latina do grego Fósforo, e ambos significan "o que trae a luz", é dicir, o luceiro cuxa aparición precede inmediatamene ao mencer, o que cerra a marcha das estrelas deixando paso ao Sol. O emprego exclusivo da palabra Lúcifer en español referida a Satanás procede da aplicación por algúns Pais da Igrexa, da pasaxe de Isaías XIV 12, que se refire a caída do rei de Babilonia, á rebelión e caída de Satanás, en relación co texto evanxeo Lucas X 18; mentres que hai outra pasaxe do Novo Testamento onde "fósforo " e "lucifer" na biblia grega e latina non teñen valor demónico nin matiz despectivo algún, senón que polo contra probablemente se refira a Cristo.
O Lucífero ou Fósforo é fillo de Astreo e da Aurora ou Eos, que é filla como o Sol e a Lúa, dos Titáns Hiperión e Tea, e a encargada de abrir ao carro do Sol as porta orientais do ceo ao amencer. Os irmáns do Lucifero son os ventos.

jueves, 11 de diciembre de 2008

Fraseoloxía galega

Ditos para cando se bebe demasiado:

Achegarse ás paredes, andar coma un pelexo, andar facendo eses, apañar unha carpa, beber máis da conta, borracho coma unha cuba, cargar o carro, coller unha cogorza, comprar unha mula, estar coma unha uva, ir algo alumeado, levar unha trompa enriba, pegarlle á botella, pescar peas, pillar unha mona, levar un vasiño, traer unha tralla.


Ditos para aparentar e non ser, aparentar o que non se ten, non ser algo como parece...

A cabra da miña veciña sempre dá máis leite cá miña, comer sardiña e arrotar pescada, facer rabos ás culleres (aparentar que se traballa), moita palla e pouco grao, moitas olas ao lume e un garavanzo a cocer, moito ladrar e moito morder, non é tan fero o león como o pintan, nunca chove como trona, ser auga que dorme, ser todo fume, traballar para a galería, unha cousa é dicilo e outra é facelo.

Na fala popular en galego utilizamos "carallo" para manifestar:
Resignación: ai que carallo!
Indignación: que carallo!
Burla, mofa: bueno carallo, bueno!
Desplante: vai ó carallo
Inquisitivo: que carallo é!
Contrariedade: tócate o carallo
Cansazo: deixate de caralladas
Ofensa: Este carallo é parvo!
Templanza: cálmate, carallo!
Ameaza: vén, carallo, vén
Negación : non, carallo, non
Negacion rotunda: nin carallo nin nada
Xuramento: me cago no carallo!
Ira: me cago no carallo, carallo!
Loanzas: é un home de carallo
Dúbida: o carallo vinte e nove
Estrañeza: pero, que carallo pasa?
Desprezo: pásamo por debaixo do carallo
Animoso: dálle carallo, dálle
Caprichoso: saíume do carallo
Cualitativo: non vale un carallo
Valorativo: róncalle o carallo
Fatalidade: ten carallo a cousa...!
Agotamento: xa estou ata o carallo
Picardía: o caralliño
Metereoloxía: vai un tempo do carallo
Lonxe: no quinto carallo

lunes, 8 de diciembre de 2008

Dafne

Dende o verso 452 ata o 567 do libro primeiro da Metamorfose Ovidio cóntanos a metamorfese de Dafne "Primus amor Phoebi Daphne Peneïa: quem non fors ignara dedit,sed saeva Cupidinis ira." "O primeiro amor de Febo (Apolo) foi Dafne, a filla de Peneo, e non foi produto do cego azar, senón da salvaxe ira de Cupido".
O que pasou foi o seguinte: Cando ía Apolo paseando todo fachendoso porque el só fora quen de matar a serpe Pitón, tropezou con Cupido que estaba xogando co seu arco e entón Apolo díxolle "quid tibi, lascive puer, cum fortibus armis?" (que tes ti que ver, neno lascivo, coas armas dos valentes?) esa carga é propia para min que sei loitar coas feras e cos inimigos e que non hai moito que matei á Pitón.
Díxolle a Cupido que se dedicase ao seu e que se deixase de buscar gloria porque esa era para el. Cupido contestoulle: Aínda que o teu arco atravese todo o demais o meu vaite atravesar a ti.
Fuxiu Cupido cara a cima do Parnaso e alí sacou frechas de diferente efecto; unha fai fuxir ao amor, a outra prodúceo. A frecha que fai fuxir ao amor cravouna o deus na ninfa de Peneo (Dafne) a outra a que produce amor cravoulla ata medula a Apolo. Ao instante Apolo queda namorado mentres Dafne aborrece o amor e só goza correndo polas espesas fragas e cazando feras, imitando a deusa Diana; Peneo, o seu pai, está preocupado "generum mihi, filia, debes" (filla, débesme un xenro) "debes mihi, nata, nepotes" (filla, débesme uns netos). Ela colgándose do pescozo do seu pai dicía: "da mihi perpetua, genitor carissime virginitate frui! dedit hoc pater ante Dianae" (concédeme queridisimo pai poder disfrutar da virxinidade perpetua, tamén a Diana lla concedeu o seu pai).Peneo atendeu as súas pregarias, nisto Apolo viu a Dafne e deséxaa e como sempre consegue todo o que desexa, mentres ela fuxe el non deixa de perseguila tratando de convencela, contándolle todo aquilo que é e o que fixo, pero a ninfa cada vez corre máis, só quere que Apolo non a pille, pero ao fin Apolo, que é máis forte, acorta distancias e esgotada Dafne mira as augas do Peneo (o seu pai) e pídelle que destrúa a súa figura para deixar de gustarlle a Apolo. Aínda non acabara a súa pregaria cando empezou a notar que as súas pernas cada vez eran máis pesadas e a súa pel íase cubrindo dunha fina casca, os seus cabelos medraron ata transformarse en follas, os seus brazos en pólas e os seus pés antes tan lixeiros agora están inmobilizados en raíces, na súa cabeza unha arbórea copa, só queda de Dafne a súa espléndida beleza; aínda así Apolo segue amándoa e abrazándoa e díxolle :"Posto que non podes ser a miña esposa serás a miña árbore e vasme acompañar sempre, tamén serás a árbore dos caudillos e medrarás diante da porta de Augusto". O loureiro moveu as súas pólas para asentir.


Estas
cantigas son moi coñecidas na Galiza:

"Aparta loureiro verde,
deixa clarexar a lúa
que estou no medio do monte
non vexo cousa ningunha"

"O loureiro raíz de ouro
bota folliñas de prata...
Coller amores non custa
olvidalos si que mata."

A tradición de esparexer ramas de loureiro á entrada dos templos, cristianizou na bendición dos ramos na Semana Santa. Estes ramos levan emparellada a facultade de espantar os treboadas. Lembro cando era nena que a miña avoa cando había treboadas queimaba follas de loureiro, bendicido o Domingo de Ramos, na porta da casa. Non recordo ben se era para aplacar a Santa Bárbara se era para honrala.

Entre as propiedades desta árbore estaban as de dar ós profetas a facultade de ver o que estaba oculto, chegando a inxerir as follas para lograr a clarividencia.


Sistema dixestivo
Estimula o apetito e as secrecións dixestivas, así como os movementos intestinais. Facilita a dixestión, mellora ou prevén situacións de pirose ou acidez, así como os espasmos intestinais.

Sistema respiratorio
Favorece a expulsión das mucosidades das vías respiratorias e contén sustancias de acción bactericida, polo que resulta moi adecuado en caso de afeccións talles como a bronquite, farinxite etc.

Sistema circulatorio
Contén acedos graxos insaturados, entre eles o oleico e linoleico. Ambos ácidos graxos posúen accións beneficiosas xa que o seu consumo contribúe a reducir o risco de enfermidades cardiovasculares, aínda que a acción máis destacable do loureiro é a nivel do sistema dixestivo.

Outros efectos beneficiosos...
Posúe unha lixeira acción antinflamatoria, contribúe a regular a menstruación na muller e é diurético; aumenta a produción e volume de ouriños, axudando a eliminar o exceso de líquidos do organismo.