miércoles, 28 de enero de 2009

INVERNO



Chove, chove na casa do pobre

e no meu corazón tamén chove.

Dor da man encallecida,
dor da xente aterecida
de frío polos camiños.
Dor dos vellos e meniños.
Dor dos homes desherdados
e dos que están aldraxados.

Mágoa da ferida allea.
Dor dos que están na cadea,
dos que sofren a inxustiza
e viven baixo a cobiza.

Mágoa e loito
por tanto pranto que escoito.
No meu peito, sulagado,
soturno, fondo, calado,
un río de amor se move.

Chove, chove na casa do pobre

e no meu corazón tamén chove.
Celso Emilio Ferreiro

martes, 27 de enero de 2009

Coronis, o corvo e Asclepio/Esculapio





Coronis, muller fermosísima, está un día bañándose espida nun lago cando o deus Apolo, que sempre andaba á espreita, como o seu pai Zeus, namórase perdidamente dela; como sempre para el, o desexo era algo que o asaltaba repentinamente e do que quería librarse canto antes. A aproximación foi embriagadora e veloz. Logo retirouse deixando un corvo, que por entón eran brancos, para que vixiase a moza. Como é natural, Coronis quedou embarazada, pero tivo a mala idea de ceder ao amor dun mortal, Isquis. Advertido polo corvo, Apolo sufriu un acceso de cólera divina e mirou ao corvo con tanto odio, que a súa mirada transformou para sempre a cor do animal. Apolo pediu á súa irmá Artemisa que fose matar á infiel. A frecha da deusa afundiuse certeira no peito de Coronis, pero antes de morrer confesou que tamén mataban ao fillo do deus. Contan as testemuñas do caso que Apolo en balde tratou de reanimar a Coronis, o seu corpo xa estaba rodeado polo lume da pira e tacaba o seu corpo, pero as chamas abríronse, e a man do deus extraeu do ventre da moza ao seu fillo, ileso. A Asclepios/Esculapio, "aquel que cura".
Preocupado polo futuro do neno, o seu divino pai pono ao coidado do centauro Quirón e este ensínalle a arte de curar. Moito despois, xa médico famoso en toda a Hélade, Asclepio non mide o seu auténtico poder e pretende resucitar aos mortos. O seu avó Zeus, que tiña moi mal carácter, fulmina a Asclepio cun raio. A partir de entón os homes ascenderon ao médico á categoría de deus olímpico. Asclepios/Esculapio tivo dúas fillas: Hixiea, cuxo nome perdura na palabra hixiene, e Panacea, que significou desde entón o milagroso medicamento capaz de curar todos os males. Para rematar, o culto ao divino Asclepios /Esculapio estendeuse por toda Grecia polas nacións limítrofes e comezaron a erixirse templos na súa honra. A figura do deus represéntase sempre levando na man o caduceo, un bastón cunha serpe enrolada, que pasou a ser o símbolo universal do medicamento e dos médicos."

lunes, 26 de enero de 2009

Sabugueiro, bieiteiro, bieito, biouteiro, sabugo...





Pódese ver nas proximidades das casas e no horto e poucas plantas gozan dun maior respecto e estima por parte dos seres humanos.

Desde o Neolítico cultívase e úsase con fins medicinais e desde aquela existe unha amizade estreita entre o home e o sabugueiro, que só pode desfacerse tras a perda da memoria humana.


O sabugueiro mellora a terra; acelera a descomposición da materia orgánica, actúa como un fermento do material que está á súa sombra, as súas raíces segregan unhas sustancias chamadas auxinas que benefician a vida vexetal.


Proporciona alimento e remedio medicinal para os seres humanos e animais; antiinflamatorio, contra arrefriados e gripes, diurético, sudorífico, depurativo, purgante e antirreumático...


Pódense consumir as flores cocidas, rebozadas e fritas. Os seus froitos en confitura.


A súa vitalidade é incrible, ten unhas raíces moi poderosas que lle permiten rexenerarse rapidamente, os paxaros ao comer os seus froitos propagan as súas sementes cos seus excrementos. Nunca resulta unha praga aínda que unha vez instalado sobrevive custe o que custe, pero nunca forma bosques porque é moi exixente á hora de elixir un lugar; case sempre busca a compañía humana, ou quizais sería máis exacto dicir que gusta dos mesmos lugares que os seres humanos.


É unha árbore nativa de Europa e do norte da África e estendeuse facilmente por todo o mundo, sendo obxecto de moitas lendas, folclore e supersticións.Di a lenda que da súa madeira foi feita a Cruz onde Cristo morreu. Iso porque ao espremer o froito do Sabugueiro solta un zume vermello-sangue.


É ben coñecida a facilidade coa que se saca a medula das pólas, propiedade pola que se fixeron con este material oco, canotos de tecelá ou chifros para os rapaces.


Coas súas varas combátese o mal de ollo, tanto nas persoas como no gando; tamén na noite de San Xoán déixanse as flores ó relento para que collan orballo, e así adquiren propiedades medicinais, a auga da folla de sabugueiro é o mellor para quitar os tirizós dos ollos.Tamén se colocan as súas pólas en portas e fiestras para protexer as casas de bruxas, malos espíritos e ladróns.Os froitos utilizábanse para colorear e aromatizar o viño. O antigo costume de facer as vasoiras do forno con ramallos verdes de sabugueiro pode estar relacionado con estes especiais atributos.


En moitas zonas de Galicia chámanlle bieiteiro a esta árbore, dato que xa recollera Sarmiento, "Bieyteyro, voz común en Galicia para significar el sabugueyro, y bieyteyras a las viejas que con esos palos hacen curas".


Nos países eslavos e bálticos, o sabugueiro era morada de Puschkayt, deidade da terra a quen se ofrenda alimentos colocándoos na base do arbusto á tardiña. Na Europa meridional, a planta é morada dunha nai anciá chamada Holda, que era a deusa da morte e da fertilidade. As mulleres bailaban na súa honra durante a festa da Candelaria, en febreiro, levando pólas de sabugueiro, golpeando con elas a calquera home que se achegase ao lugar do baile. Destruír un sabugueiro provocaba a agonía da súa deusa e para previr que esta se vingase das feridas da súa planta, sempre se lle pedían permiso antes de cortar algunha póla.


Collida a véspera de San Xoán, a planta servía de profiláctico contra as tormentas, os ladróns, os malos espíritos e a maxia. Untando os ollos coa cortiza interna ou queimando a medula flotando nun vaso de auga en Noiteboa permitía descubrir ás bruxas e aos magos que houbese nas proximidades.


As follas queimadas empréganse como insecticida e a infusión das follas como repelente de mosquitos e, esparexida sobre as plantas protéxense de pulgóns e eirugas.


En Alemaña adoitábanse facer cadaleitos de sabugueiro, e na tumba colocábanse cruces de madeira desta árbore ou grilandas da planta.

Nas tradicións xermánica e anglosaxona atrae divindades e entidades benéficas. Din que estaba asociado á deusa da fertilidade e que por iso as súas pólas se usaban como paos de galiñeiro para mellorar a posta de ovos(isto tamén o facía a miña avoa, puña paos de sabugueiro para que durmisen as galiñas).


Afirman que desde tempos inmemoriais esta especie serviu de acubillo e fogar favorito dos elfos que protexen a súa árbore. "Ante o sabugueiro hai que quitarse o sombreiro", di un adaxio alemán. No norte de Inglaterra e no Tirol, pólas de sabugueiro recortábanse en forma de cruz e plantábanse nas tumbas recentes.


A madeira de sabugueiro seca é moi valorada polos artesáns, e o seu nome latino pode provir do grego sambuke, un arpa realizada con esta madeira. Non se utilizaba para facer berces, por se o espírito da árbore prexudicaba ao neno.


Os froitos verdes e a semente teñen certa toxicidade, do mesmo xeito que a cortiza e as follas.

Xarope de flores de sabugueiro (da revista "Essen und Trinken Für Jeden Tag") Ingredientes (para dous litros, aprox.)
25 flores de sabugueiro
1 quilo de azucre
1 litro de auga
25 gramos de ácido cítrico (un limón)
unha laranxa
un limón
Elaboración: Cócese a auga, o ácido cítrico e o azucre ata obter un almíbar. Mentres, pártense en cachos o limón e a laranxa e mergúllanse as flores en auga para limpalas de pequenos insectos e outras impurezas. Póñense as laranxas e os limóns en recipientes con suficiente capacidade. Engádense as flores e o almíbar. Tápase e déixase repousar durante tres días, removendo de cando en vez. Unha vez pasado este tempo, cóase a mestura e vólvese a cocer. Ponse (en quente) en botellas que pechen ben. Dura ata un ano (aprox). Pódese usar en refrescos, ou para aderezar sobremesas, iogures, salsas...

Na obra de Manuel Durruti "Froitos silvestres comestibles e velenosos" Ed. Everest móstranos a seguinte receita de Sopa de saúco.
800 gr. de froitos de sabugueiro, azucre, 3 mazás e fariña.

As bagas cócense na menor auga posible. Unha vez cocidas engádese auga ata obter o sabor desexado. Fíltrase, engádeselle azucre e férvese a fogo lento, removendo. Engádense as mazás en anacos . Déixase uns minutos ata que a mazá estea entrecocida. Retírase do lume e engádese removendo a fariña ata obter a consistencia desexada.

As flores de sabugueiro pódense empanar.
Na obra "Plantas medicinais, bagas e verduras silvestres" de Grau/Jung/Münker ed. Blume, temos a seguinte receita: "Prepárase unha pasta de fariña, ovos, manteiga quente, auga, un pouco de mel e un belisco de sal, que non resulte demasiado espesa. Nela mergúllanse as flores colléndoas polo pedúnculo, que non se cortou.

A continuación frítense en aceite ata que estean douradas e sérvense quentes, acompañadas de compota. Para a pasta, tómanse 3 ovos para 125 gr. de fariña. Os gourmets engaden á pasta 2 ó 3 culleradas de viño."


Abelaira /Abeleira / abelaneira / abraira




Pertencente á familia das betuláceas, hai unhas quince especies diferentes de abeleira, algunhas arbustivas e outras arbóreas. A súa utilización remóntase ao Neolítico, existindo documentos que proban que tanto a súa froita como a súa madeira xa se utilizaban no S. IV a.C.
Mide entre 3 e 8 metros de alto, pero pode chegar ata os 15. As súas pólas parten desde a base e normalmente non se afastan moito da terra, cara á que se inclinan as súas candeas colgantes. As súas raíces son pouco profundas, longas e nodosas e o seu tronco posúe unha cortiza de cor marrón pálido ou gris e profundamente estriada. A súa madeira é dura, flexible e moi resistente. Aínda que a madeira da abeleira non foi apreciada como leña tradicionalmente, é moi flexible e resistente é utilizouse en cestería e marquetería, construción de mobles e instrumentos musicais.
A abeleira áchase fortemente ligada ao ocultismo sendo así que as pólas de abeleira bifurcadas utilizábanse para descubrir tesouros ocultos, augas ou aos culpables de fechorías.
Críase ademais que comendo abelas obtíñase a sabedoría e o coñecemento por iso os druídas portaban unha vara branca de abeleira xa que se supuña que os dotaba cos seus dons adivinatorias.
Na tradición grega e romana a abeleira está consagrado a Hécate, deusa da maxia e a bruxería; tamén Apolo, deus do sol, regalaría unha vara de abeleira (noutras versións da lenda de oliveira) ao deus Hermes (Mercurio) cando este inventou a lira e lla regalou ao deus do sol, con esta vara, separou Hermes a dúas serpes que loitaban en mortal combate e que se enroscaron ao redor da mesma, converténdose no caduce, símbolo dos heraldos.
A abeleira "Coll" ocupa un lugar do calendario arbóreo celta. Dentro das linguas de orixe céltica atopamos o termo "coll" en moitos nomes propios e topónimos e a mesma Escocia era chamada polos romanos Caledonia (polo nome dunha das tribus que a habitaban), aínda que a etimoloxía deste nome non está de todo clara, segundo a versión máis aceptada viría significar "Outeiro das Abeleiras" ("Coll", Abeleira e "Dun", Outeiro).
Para os celtas as abeleiras simbolizaban a sabedoría e eran utilizadas tamén para atraer a prosperidade e a fertilidade ás terras e á tribo. Árbore sacra e cortar unha chegou a estar castigado coa morte, de feito crese que os druídas utilizaban varas de abeleira tanto para labores adivinatorios como para atopar auga, obxectos perdidos e/ou metais.A abeleira e as súas froitas foron utilizadas tamén como talismáns na sabedoría popular durante toda a Idade Media e a Idade Moderna.
Na mitoloxía nórdica a abeleira é tamén a "Árbore da Sabedoría e está consagrado a Thor, deus do trono.
A asociación da abeleira e os súas froitas coa fertilidade atopámola en multitude de culturas ao longo de toda a historia, así en Normandía (norte de Francia) golpeábase tres veces cunha vara de abeleira ás vacas para asegurarse de que desen leite e en Hannover (Alemaña) era costume berrar "abelás! abelás!" aos recentemente casados; ademais a noiva repartía abelás ao terceiro día da súa voda, como símbolo de que o matrimonio fora consumado.
A relación da abeleira co mundo das fadas atopámola en numerosas culturas e tradicións antigas, por exemplo na xermánica. Nun dos contos máis famosos e tradicionais dos irmáns Grimm, a Cincenta (a versión orixinal e non a adaptación infantil que actualmente é máis popular) non existe fada madriña algunha senón que a protagonista planta un brote (ou unha poliña) de abeleira na tumba da súa nai, onde crecerá unha fermosa árbore que a axudará a cumprir os seus desexos.
Críase que comendo a froita da abeleira esta transmitía coñecementos, inspiración poética e habilidades máxicas, pois neles concentraríase toda a sabedoría da árbore. As coroas de abeleria e as restras feitas de abelas eran talismáns protectores, unha boa colleita de abelás significaba que ese ano nacerían moitos nenos e durante a noite de Samhain as mozas e os amantes queimaban estas froitas para que revelasen os nomes dos futuros esposos ou o seu porvir como parella.
As súas follas posúen propiedades antiinflamatorias e antihemorráxicas e a casca da abelá utilízase como diurético aínda que paradoxalmente a abelá tamén se utilizou como remedio popular cando un neno mollaba a cama.

jueves, 22 de enero de 2009

A chorima/ chorida/ alecrin...





Alecrín, alecrín dourado

que naceu no monte

sin ser semiado.

Ai, amor, amor

¿quen che dixo a tí

que a flor do toxo

era o alecrín?

Alecrín, alecrín dos mollos

que pola túa culpa

choran os meus ollos.

Ai, amor, amor

¿quen che dixo a tí

que a flor do toxo

se chamaba asi?






A chorima é a flor do toxo. É unha flor moi olorosa de cáliz amarelo e pétalos de 13-20 mm de cor amarela clara. O froito é negro, dun tamaño arredor dos 15 mm, moi veludo e tóxico.

Existen numerosas variantes dialectais: charuma, cherumia, chirumia, chorida, chorimas, chourima, churida, churuma e chusmigo. Na fala mindoniense dise xorima.

Frases:

Ser un toxo: ser moi pouco agarimoso, pouco sociábel

A raíz do toxo verde é moi mala de arrincar e os amores primeiros son malos de olvidar: cantiga sobre a lembranza dos primeiros amores

Menos dá un toxo: hai que proveitar todo Pica coma un toxo: pica moito

Flor de toxo, cariño puto: moi bonita e atractiva pero chea de pinchos


lunes, 19 de enero de 2009

A figueira







A figueira é un das árbores máis antigas cultivada polo home.
É a primeira árbore que se cita na Biblia.
Na mitoloxía grega está relacionada con acontecementos e deuses que testemuñan a súa orixe ctónico(designa ou fai referencia aos deuses ou espíritos do inframundo por oposición ás deidades celestes), en cambio na India considérase unha árbore sacra.


Naturalmente, na mitoloxía grega existe moita información sobre a figueira. Unha das referencias máis directas faise na batalla dos Titáns. O paso da época dos deuses ctónicos aos solares non foi pacífica. O mito conta que as batallas entre os aliados de Zeus, os Cíclopes, e os seguidores de Crono, os Titáns, duraron nove anos. Ao final, os Titáns afundíronse no fondo da Terra, na escuridade do Tártaro, do cal Zeus saíu vencedor. Excepto un deles, todos se afundiron nas sombras. Syké(figueira) regresou á luz, en forma dunha árbore.

Segundo outra versión, a Figuera debe a súa existencia a Dioniso. Venerouse como árbore de Dioniso e ao mesmo tempo de Príapo.


Unha terceira versión conta que a deusa Deméter regalou a Figueira ao pobo de Ática, onde se refuxiou cando gardaba loito polo rapto de Persefona.


A particular relación que existe entre a Figueira e os deuses da terra, da auga, da lama obsérvase na súa forma. A madeira é de cor gris como a cor das rochas, porosa, e incombustible. É húmida e carece de resina. Ao manter a humidade nos poros, é moi resistente a grandes secas.


A figueira na cultura popular galega

Lamas Carvajas recolle o uso dos figos, entre outras cousas, para curar o tangaraño (raquitismo) dos nenos , colgándollos do pescozo. LisQuiben recolle outro uso medicinal, neste caso para curar o mal do torrón (unha enfermidade do bazo non definida): consiste en levar o meniño enfermo de noite a un prado no que medre unha figueira -ou unha moreira- e colocalo de pé sobre a herba, logo córtase o terrón ó redor dos pés e volven á casa co terrón posto sobre o bazo do enfermo. Así, segundo vai secando o terrón, vai curando o rapaz.

Moito máis estendido é o uso do leite dos figos e brevas (é dicir, do látex) para curar as espullas.

Locucións

  • Caer coma un figo maduro (ceder unha muller ós requirimentos sexuais dun home).
  • Estar coma unha bévera (dise dunha persoa chea de achaques).
  • Máis mol que unha bévera
  • Mirrado coma un figo
  • Ser coma a leña da figueira, recia de fume, fraca de madeira (aparentar máis do que se é).
  • Ser coma un figo (ser moi delicado, que non se lle pode tocar).

Refraneiro

  • A leña da figueira, recia de fume e fraca de madeira.
  • A negra con frío non vale un figo, a branca con xeada, nin figo nin nada.
  • A unha vella enriba dun muro, tembráballe o cu coma un figo maduro.
  • Ano de béveras, nunca acá veñas.
  • Ano de béveras, nunca o vexas.
  • Auga ó figo e para pera viño.
  • Cando a figueira ten folla, val ouro a solla.
  • Cando a gaivota busca unha figueira, anuncia tempestades desa maneira.
  • Cando hai uvas e figos, amaña os teus vestidos.
  • Con béveras e con figos non aproveitan os viños.
  • Con béveras, viño bebas, e con figos, auga e viño.
  • Con caracois, figos e béveras auga non bebas, pero o pan e o viño sexa tanto que todo o que comas ande nadando.
  • Con figos e béveras viño non bebas.
  • Con figos e béveras, auga bebas.
  • Con figos, bebe auga ou viño.
  • Deben nadar en viño os caracois, as béveras e os figos.
  • Digo e redigo que a bévera nunca foi figo.
  • Digo que a figueira non é figo, e así o digo.
  • En tempo de figos non hai amigos.
  • Figos á figueira, vellos á fogueira.
  • Figos á figueira, vellos á golfeira.
  • Folla na figueira, muxe na ribeira.
  • Nin morcilla sen figos nin voda sen pan trigo.
  • No tempo dos figos non hai amigos.
  • O figo na figueira, a froita na praza e a moza no mesón, tres cousas son que maduran sen sazón..
  • Ós figos, se son verdes, hai que darlle viño.
  • Primeiro a ameixa, despois a cereixa, despois o figo e o carrapichote meu amigo.
  • San Técola que vendima as uvas e os figos leva.
  • Santiago trae as béveras e os figos leva santa Tecla.

Cantigueiro

  • A miña muller é vella,/ de vella non me ten fillos,/ heina de mandar colgar/ nunha figueira de figos.
  • A miña muller é vella/ e de vella non ten fillos;/ heina de pór de espantallo/ nunha figueira dos figos.
  • A unha vella/ enriba dun muro/ tembláballe o cu/ coma un figo maduro.
  • A unha vella/ que estaba no muro/ tembráballe o cu/ como un figo maduro.
  • Eu non quero uvas,/ figos nin castañas,/ pero prás ameixas/ teño boas mañas.
  • O rei mandou unha carta/ dentro dun figo maduro:/ que as mulleres beban viño e os homes, mexo de burro.
  • ¡Quen fora reichiño roibo/ para cantar na túa figueira,/ pra non saír do teu horto/ e aniñar na túa silveira.
  • Vaia, que non tornas pouco/ da túa figueira, valeca!/ Eche segundo, meu neno,/ eche segundo a quen sexa.
  • Veña o aguinaldo logo,/ figos, viños e lacós:/ somos bos de conformar,/ non somos nada lapós.

Adiviñas

  • Adiviña adiviñador, ¿que froiteira carga sen a súa flor?.
  • Altas nais capeludas,/ mais fillos zaramboles. Adiviña ti, se podes.
  • Cen e cen fillos ten/ e todos a leite os mantén.

En tódolos casos, a solución é a figueira.

Bibliografía: http://gl.wikipedia.org/wiki/Figueira_(%C3%A1rbore)

viernes, 16 de enero de 2009

UNETE AL "MANIFIESTO POR LA SOLIDARIDAD". TODOS UNIDOS A PARTIR DEL PROXIMO DIA 30 DE ENERO

http://cornelivs.blogspot.com/2009/01/novedades-del-manifiesto.html