miércoles, 6 de mayo de 2009

Xan sen Coidados





Estas fotos están feitas nestes últimos días, son do meu xardín e son para todos os que seguen este blog e teñen a paciencia de ler o que escribo.



Un home que todo lle parecía ben nesta vida e que non se apuraba por nada nin no apuro máis grande, puxo un letreiro na súa porta que dicía: Xan sen Coidados


Un día pasou por alí o rei paseando, viu o letreiro e preguntoulle aos acompañantes quen era aquel home. Respondéronlle que era un fulano ao que non lle metía apuro ningunha cousa deste mundo nin do outro.

-Home! -dixo o rei- Conque eu, que son o rei, teño coidados e máis coidados... Chamade por el, que xa eu lle buscarei coidados.


Chamaron por Xan sen Coidados e díxolle o rei:


-Xan como non tes coidados vouchos buscar eu: dentro de tres días hasme dicir canto pesa a lúa, cantas xornadas hai de aquí ao ceo e canto vale a miña persoa.


Entón si que lle entraron coidados ao Xan sen Coidados!. Por moitas voltas que lles daba ás preguntas que lle fixera o rei, non atopaba que responder.
Paseando un día polo monte encontrou un pastor que lle preguntou por que andaba tan caviloso, el que era sempre tan algareiro. Contoulle o caso e o pastor respondeu:


-Por pouca cousa te apuras, home!. As respostas son estas:a lúa ten catro cuarteiróns, logo pesa unha libra. De aquí ao ceo hai unha xornada, pois como non hai tabernas no camiño non hai onde parar. O rei non vale máis ca vintenove moedas, pois Cristo valeu trinta, digo eu que algo menos valerá o rei.


Foise Xan sen Coidados coas respostas ao rei, que se admirou de tanto saber e levou ao pastor e ao Xan sen Coidados para onda el.


Antoloxía do conto popular galego, de Henrique Harguindey e Maruxa Barrio. Ed. Galaxia

martes, 5 de mayo de 2009

Nin "Pepas" nin "Pedros"




Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai compoñer cestos,
Xan vai podar as viñas,
Xan vai apañar o esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trae o estrume ao cortello,
e vai a fonte por auga,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito e o caldo...
Xan, en fin, é un Xan completo,
deses que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
case sempre atopa un Pedro.

Pepa, a afortunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentres seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátalle as pulgas ao gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
murmura coa irmá do crego,
mira se hai ovos no niño
bota un ollo ás maceiras,
e lambe a tona do leite,
e si pode bota un neto
coa comadre, que agochado
tráello embaixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera entre as mantas,
e ao velo entrar dille quedo:
-Por Deus non barulles moito...
que me estou mesmo morrendo.
-Pois que tes, miña mulleriña?
-Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
e ao cabo ha de dar comigo
nos terróns do cemiterio...
-Pois, miña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, miña mulleriña,
mentres os meniños deito.

De bágoas énchense os ollos,
de Xan ao ver tales feitos;
máis non temades, que entre mil,
non hai máis que un anxo entre os demos,
non hai máis que un atormentado
entre mil que dan tormentos.


neto: Medida de capacidade para líquidos equivalente a medio litro, e recipiente con esta capacidade.
madre: Órgano do aparato reprodutor dos mamíferos femias, que está destinado a conter o embrión e despois o feto ata que se desenvolva por completo.


Este poema é de Rosalía de Castro, pertence a Follas Novas, publicada en 1880. Esta obra, xunto con Cantares gallegos, foron escritas en galego; eu púxena en "galego normativo".
Follas Novas é unha compilación de poemas ordenados sen un criterio claro. O libro preséntasenos estruturado en cinco seccións: Vaguedás, Do íntimo, Varia, Da terra, As viúvas dos vivos e dos mortos.
Este poema pertence á sección "Da terra" e a autora dálle o título de "Xan"


Que fermosa sería a vida se non houbese tantas "pepas" e tantos "pedros"


Fraseoloxía galega: ser un Xan, ser un Xan de ninguén, ser un Xan de debaixo da cama, ser un Xan por entre elas, ser un Xanciño.


En Galiza existe unha lenda sobre Xan Quinto que era unha especie de Robin Hood á galega, tamén escritores do século XIX como Emilia Pardo Bazán fan referencia a unha bandoleira galega coñecida como Pepa a Loba


domingo, 3 de mayo de 2009

Quen lle pon o cascabel ao gato?.


Esta é unha gatiña

Este é un gatiño


Aquí están a darse un biquiño


Que fermosos!


Aínda non teñen nome, son os fillos de Mixa, teñen quince días


Un hábil gato fai tal matanza de ratos, que ve un e é cea servida. Os poucos que quedan, sen valor para saír do seu buraco, confórmanse coa súa fame. Para eles, ese non é un gato, é un diaño carniceiro. Unha noite en que o gato sae polos tellados en busca do seu amor, os ratos fan unha xunta sobre o seu problema máis urxente.

Desde o comezo, o rato máis vello, sabio e prudente, sostén que dalgún xeito, tarde ou cedo, hai que idear un medio de modo que sempre avise da presenza do gato e poidan eles agocharse a tempo. Efectivamente, ese é o remedio e non hai outro. Todos foron da mesma opinión, e nada lles parece máis indicado.

Un dos asistentes propón poñerlle un cascabel ao pescozo do gato, o que lles entusiasma moitísimo e din que será unha excelente solución. Só se presenta unha dificultade:

Quen lle pon o cascabel ao gato?.

- Eu non, non son parvo, non vou!

- Ah, eu non sei como facelo!

En fin, remata a reunión sen adoptar ningún acordo.


Sentenza: Nunca busques solucións imposibles de realizar.

jueves, 30 de abril de 2009

NADA DÚAS VECES


á noitiña, entre lusco e fusco, ao solpor, ao estrelecer, ao empardecer, luscofusco, ao escurecer


Esta é Isadora a gata que vive en Ourense é unha gata de cidade un pouco "pija"



Este ano, como a cousa non cambie imos comer moitas peras


Zar o can máis feliz e rexoubeiro de todos


Nada sucede dúas veces
nin vai suceder, por iso
sen experiencia nacemos,
sen rutina morreremos.

Nesta escola do mundo
nin sendo malos alumnos
repetiremos un ano,
un inverno, un curso.

Non é o mesmo ningún día,
non hai dúas noites parecidas,
a mesma mirada nos ollos,
dous bicos que se repitan.

Dime por que, mala hora,

con medo inútil te enleas.
Es e por iso pasas.
Pasas, por iso es bela.

Medio abrazados, sorrintes,
buscaremos a cordura,
aínda sendo tan diferentes
cal dúas pingas de auga pura.


Son algúns versos dun poema de Wisława Szymborska


FELIZ FIN DE SEMANA A TODOS

martes, 28 de abril de 2009

VIDA, AMOR, LITERATURA, SEXO, VIAXE, CINE.

Cabeza de medusa, por Rubens
Perseo coa cabeza de Medusa, por Cellini
Medusa de Caravaggio (Florencia, Uffizi).

O blog "La terapia de Rafaela" propúxome un desafío: Hai que escribir un conto, poesía, poema, unha definición, relato, que inclúan as palabras:VIDA, AMOR, LITERATURA, SEXO, VIAXE, CINE.

Era Medusa unha moza de espléndida fermosura, pero o máis admirable de todo o seu corpo eran os seus fermosos cabelos, sacerdotisa de Atenea, pasaba a súa VIDA no templo; un mal día cando o deus Poseidón pasaba por alí, viuna, e de seguido desexouna e violouna no mesmo templo da deusa, esta moi irada por tal aldraxe transformouna nun monstro, converteu os seus cabelos en repugnantes serpes, a súa cara daba medo e coa súa mirada convertía a todos en pedra.
A moza non tiña culpa de haber tido SEXO co deus, pero ela foi a que recibiu o castigo e agora nunca podería sentir AMOR por ninguén.
A súa historía aparece narrada na LITERATURA clásica greco-latina e nela inspiráronse pintores e escultores ao longo dos séculos.
Perseo fillo de Dánae e Zeus, fará unha longa VIAXE para conseguir a súa cabeza como trofeo e despois de recibir axuda, do seu pai Zeus, que lle pediu aos deuses Atenea e Hermes que lle botasen unha man. Hermes deulle unha fouce de aceiro coa que poder cortar a cabeza da Medusa, mentres que Atenea regaloulle un brillante escudo e aconsellouno sobre as tarefas que tería que realizar. Co fin de atopar o agocho de Medusa, Perseo foi en busca das Graias, tres vellas que só tiñan un mesmo ollo e un mesmo dente e que compartían pasándoos unha á outra. Perseo arrebatoullelos, obrigándoas a confesar onde estaba situada a residencia da Medusa a cambio de devolvérllelos.
No seu camiño, Perseo atopouse coas náiades, das que conseguiu un zurrón máxico, o casco de Hades, que permitía volver invisible ao que o levase posto, e unhas sandalias aladas. Coa axuda destes obxectos logrou introducirse na residencia da Gorgona. Usando o escudo como espello logrou cortar a cabeza da Medusa sen ter que mirala. Do sangue da Medusa naceu o cabalo alado Pegaso e tamén o xigante Crisaor.
Parte desta historia foi levada ao CINE e pódese ver en "Furia de titáns".


Segundo as normas eu tería que retar a outras seis persoas, pero como non sei a quen elixir e porque non quero pór a ninguén nun compromiso, deixo aquí o reto e que o realice quen teña a ben facelo.
Hai que escribir un conto, poesía, poema, una definición, relato, que inclúan as palabras:
VIDA, AMOR, LITERATURA, SEXO, VIAXE, CINE.
Pasalo a seis blogs.
Poñer link de tod@s e avisal@s no seu blog.


lunes, 27 de abril de 2009

Apolo, Leucótoe e Clitie

imaxes tomadas da internet
Boswellia sacra a árbore do incenso, árbore no que metamorfoseou Leucótoe



imaxe tomada da internet

imaxe tomada da internet
Hai quen di que Clitie metamorfoseou nun Helianto Helianthemum nummularium

imaxe tomada da internet
Tamén é posíbel que Clitie metamorfosease en Heliotropium europaeum herba verrugueira, herba da disentería ou heliotropo maior


Ovidio no libro IV da Metamorfose cóntanos a historia de Apolo (o Sol), Leucótoe e Clitie (vv. 190-270)

Venus (Afrodita) decide vingarse de Apolo xa que este fora a contarlle ao seu esposo Vulcano que ela púñalle os "cornos" con Ares, entón fai que Apolo se enamore de Leucótoe


"Quid nunc, Hyperione nate, forma colorque tibi radiataque lumina prosunt?"
De que che serven agora, fillo de Hiperión, a túa fermosura, o teu esplendor e os raios da túa luz?

"Modo surgis Eoo temperius caelo, modo serius incidis undis spectandique mora brumales porrigis horas; defecis interdum, vitiumque in lumina mentis transit, et obscurus mortalia pectora terres."
Unhas veces érgueste antes de tempo no ceo oriental, outras caes demasiado tarde nas augas e por deterte a mirar prolongas as horas do inverno; as veces eclípsaste, pasa á túa luz o trastorno da túa alma e pola túa escuridade espantas os corazóns dos homes.

Unha noite mentres os cabalos de Apolo pastan, o deus entra na habitación de Leucótoe disfrazado coma se fose a súa nai e despois de despedir ás serventas e ao quedar a soas coa moza dille:"ille ego sum qui longum metior annum, omnia qui video, per quem videt omnia tellus, mundi oculus: mihi, crede, places!" (eu son o que establezo a medida do ano en toda a súa lonxitude, o que ve todas as cousas e grazas a quen o ve todo, o ollo do mundo: Creme, ti gústasme!)

Co medo a Leucótoe cáenlle das mans a roca e fuso e cando Apolo volve á súa figura ela queda subxugada e someteuse ao deus sen protestar.

Clitie que era irmán de Laucótoe e estaba namorada do deus cóntalle ao seu pai o da súa irmá e este cruel sotérraa nunha profunda fosa e bótalle por riba area.
Apolo non pode axudala e dise que nada foi máis doloroso para o deus que aquilo sen contar cando vira arder ao seu fillo Faetón. Cando viu que non lle podía devolver a vida á moza, derramou oloroso néctar sobre o seu corpo e no medio de grandes lamentos dixo:"tanges tamen aethera" (a pesar de todo chegarás a tocar o ceo).

E rapidamente o corpo, empapado en celeste néctar, desfíxose e humedeceu a terra coa súa fragrancia; unhas raíces penetraron pouco a pouco no terreo, e unha vara de incenso elevouse e coa súa punta rompeu o montículo.
Apolo non volveu a visitar a Clitie e rematou as súas relacións amorosas con ela, a moza consumiuse na súa louca paixón, incapaz de soportar ás ninfas, e a intemperie, o mesmo de noite que de día, permaneceu sentada no chan cos cabelos en desorden e o longo de nove días nin bebeu nin comeu, sen deixar de chorar, o único que facía era mirar o rostro do deus conforme este avanzaba e volver o seu rostro cara onde el se atopaba. Din que os seus membros adheríronse ao chan, e unha espectral palidez converteu en herbas citrinas nunha parte do seu color natural; noutra parte hai un tinxidura vermella, e unha flor en todo semellante á violeta cúbrelle o rostro e aínda que esta suxeita pola raíz, vólvese cara o Sol e despois de transformada conservará para sempre o seu amor.

viernes, 24 de abril de 2009

Que razón tiña Marcial!!!


Dorian dando uns pasos de baile


Un tulipán no xardín


Acivro en flor


Non sei como se chama pero está moi bonita

Marcial describe a veces dunha forma rexoubeira, a veces mordaz a Roma na que vivía e deambulaba, molesto polos ruídos, os chismes da xente e as intrigas das altas capas da sociedade. A súa poesía presenta unha visión descarnada da sociedade na que lle tocou existir.

Queres saber a razón de que a miúdo me vaia á miña pequena finca, á reducida casa que en Nomento posúo?, nin para meditar, Esparso, nin para descansar o pobre ten lugar na cidade (en Roma). Negan a vida(Impiden vivir) os pedagogos, pola mañá, e pola noite, panadeiros; e durante a xornada, caldeireiros cos seus golpes. Aquí o ocioso cambiador sacude a mesa, coas moedas cuñadas no imperio de Nerón, alí o mallador bate areas de ouro de hispania cunha limpa vara sobre unha pedra gastada . Nin o balbordo nin a inacabable leria da turba fanática
que á Belona rende o seu culto;
nin a voz penetrante do náufrago co tronco recuberto por unha faixa. O sabio xudeu pedindo mendicante, adoutrinado pola súa nai en tales mañas; o do mercador que vende palliñas para as lámpadas. Quen as horas que se perden de sono en Roma contase, podería dicir o número das mans que machucan sonoros bronces, querendo á lúa así enfeitizar.
Ti, Esparso, ignoras todo isto; ti disto non sabes nada, ti que gozas, sibarita, de Petilio o rico alcázar, cuxa azotea domina os outeiros contiguos. ti, no medio de Roma mesma, tes a túa rica campaña; o teu viñedo é romano, e as teus viñas regaladas son no outono tan fértiles cal as que en Falerno se achan.
Sen saír do teu pazo, podes correr ás túas anchas no teu carro,
nel ti podes (pois só cando che prace, penetra o día) entregarte ao soño e doce galbana que non vén á interromperte a máis leve voz humana.
Mais ao meu gozar de sono non deixan os risos
da turba transeúnte, e toda Roma se acha próxima á miña cabeceira; así que cada vez que, vencido polo sono,
quero durmir, vou ao meu casal.

Liber XII, Epigrammaton LVII
Cur saepe sicci parva rura Nomenti
Laremque villae sordidum petam, quaeris?
Nec cogitandi, Sparse, nec quiescendi
In urbe locus est pauperi. Negant vitam
Ludi magistri mane, nocte pistores, 5
Aerariorum marculi die toto;
Hinc otiosus sordidam quatit mensam
Neroniana nummularius massa,
Illinc balucis malleator Hispanae
Tritum nitenti fuste verberat saxum; 10
Nec turba cessat entheata Bellonae,
Nec fasciato naufragus loquax trunco,
A matre doctus nec rogare Iudaeus,
Nec sulphuratae lippus institor mercis.
Numerare pigri damna quis potest somni? 15
Dicet quot aera verberent manus urbis,
Cum secta Colcho Luna vapulat rhombo.
Tu, Sparse, nescis ista, nec potes scire,
Petilianis delicatus in regnis,
Cui plana summos despicit domus montis, 20
Et rus in urbe est vinitorque Romanus
Nec in Falerno colle maior autumnus,
Intraque limen latus essedo cursus,
Et in profundo somnus, et quies nullis
Offensa linguis, nec dies nisi admissus. 25
Nos transeuntis risus excitat turbae,
Et ad cubilest Roma. Taedio fessis
Dormire quotiens libuit, imus ad villam.