miércoles, 3 de diciembre de 2008

Io

É unha historia que forma parte tamén da Metamorfose de Ovidio, está no libro primeiro a continuación de Dafne (da que falarei noutro momento). Io, filla do río Ínaco, (río divino de Argós) era unha fermosísima moza que cando ía visitar ao seu pai , Xúpiter ( o pai dos deuses o prototipo de macho que fai o que lle sae dos ovos, que engana a súa muller con todo o que se pon diante) fixouse nela e no momento decidiu que sería para el, quixese ela ou non (propio de algúns homes "ou eres para min ou non eres para ninguén") primeiro intentou con enganos que a moza fose pola fraga mentres ía calor (claro gustáballe a moza pero non quería que Xuno, a súa muller, o descubrise) nas profundidades da fraga ela non o vería, pero Io non se deixou enganar e intentou fuxir; entón o deus cubriu a terra cunha densa néboa, a moza sentiuse perdida e Xúpiter colleuna e violouna (Ovidio non di exactamente iso, el di "cum deus inductas lata caligine terras occuluit tenuitque fugam rapuitque pudorem." é dicir "cando o deus cubriu a terra en densa e extensa néboa, detivo á fuxitiva e arrebatoulle a virxinidade").
A Xuno chamoulle a atención ver a néboa nun día con tanto sol e como coñecía o "elemento que tiña na casa" buscouno no ceo e o non encontralo imaxinou o que estaba a pasar e di: "aut ego fallor aut ego laedor" (ou me engano ou me están a aldraxar). Ao darse conta Xúpiter de que o ía descubrir a súa muller, transformou a Io nunha fermosa tenreira (eu imaxino que sería da raza rubia galega, son as máis fermosas) a Xuno gustoulle tanto ao vela que lla pediu como agasallo (ela sabía quen era) pero el seguiu a mentir, a moza gustáballe moito pero se non lla daba a súa muller ía sospeitar (tamén é covarde). "Quid faciat? crudele suos addicere amores, non dare suspectum est" (Que facer? entregarlle os seus amores é cruel, non darllos sospeitoso). Ao final entrégalle a vaca a Xuno e esta sabendo como é o seu marido confíalla a Argos "o que vía por todas partes" para que a vixíe e Xúpiter non se chegue a ela.
Quen saíu perdendo nesta historia?, a pobre Io, ela que só pasaba por alí, ao fin rematou con cornos e vixiada por un monstro.

martes, 2 de diciembre de 2008

Xena

Hoxe teño que escribir sobre Xena, a miña cadela. Temos catro cans pero Xena é algo expecial, hai quen di que as mascotas seméllanse aos amos, non sei, pero algo de verdade hai niso.
Xena xa é velliña (12 anos) pero ten tampouco entendemento coma cando era un cachorro, pásalle coma min non se dá conta da idade e pensa que aínda pode correr coma hai anos e claro despois dóenlle as patas e chora, cando a saco coa correa non sabe ir a modo, ten que ir tirando de min todo o tempo. Empezou a formar parte da familia cando tiña un mes, daquela non tiñamos aínda a leira, e estivo vivindo no piso con nós dous anos, eramos sete na casa, ela desde o primeiro momento foi unha máis, o meu fillo daquela tiña 9 anos (as fillas xa eran adolescentes) e anque nos tiña a todos pendientes dela eu penso que non era moi feliz, porque lle pasa coma min, o que lle gusta é a liberdade; saía á rúa dúas veces ao día (pola mañá e pola noite) pero sempre lle era pouco e cando ía ao monte era a cadela máis feliz do mundo. Cando comiamos ela sentaba á mesa con nós, tiña unha cadeira para ela, pero como sabía que ao meu marido iso non lle gustaba cando estaba el, poñíase debaixo da mesa ao meu carón e dábame no brazo para que compartise a comida con ela. Tivo unha etapa na que dicidiu que tiña que contestar ao telefono e a máis dun lle meteu un susto, pois ao soar dáballe coa pata e ao telo descolgado soltaba un ladrido.
Agora desde que vive no campo é a que manda, non lle gusta nada que eu a comparta con outros animais e ponse moi contenta cando imos dar un paseo as dúas soas. Sei que xa ten moita idade pero cada vez que penso niso teño moita tristura.
Lembro cando pariu a primeria vez, tiña case 3 anos, que mal o pasamos as dúas!, ela non era consciente do que lle estaba a pasar e só quería que a collese no colo, queixábase como se fose unha muller, tivo 10 canciños, a moitos deles tiven que limpalos eu porque ela non sabía que facer. Nos seguintes partos xa non me pediu axuda.
Esta é parte da historía dunha cadela que aportou e aporta calor a miña vida. Desexo que a vida sexa xenerosa e eu poida disfrutar dela un montón de anos.

viernes, 28 de noviembre de 2008

Bunbury

Non vou falar de Enrique Bunbury o cantante, senón do meu gato. Bunbury morreu hai uns días, matouno un coche, eu tíñalle dito moitas veces que á estrada non se ía, pero era moi aventureiro e un mal día un coche tropezou con el. A verdade que a súa vida foi un pouco complicada, desde que naceu sempre tivo problemas, anque el sempre os superou, de pequeno sempre tiña os ollos pegadiños e había que lavarllos e despegarllos, despois, non sabemos como, rompeu a punta do rabo e quedoulle torto, na primavera caeu a piscina, non se sabe o tempo que alí botou nadando, cando o viu o meu fillo xa non lle quedaban forzas, ao pouco tempo apareceu un día cun testículo sin pel, pero isto tamén o superou ata que tropezou co coche e xa non puido...
Teño catro gatos máis, pero Bunbury era especial, tiña un caracter moi posesivo, se estaba el comigo non permitía que estivera ninguén máis, cando quería que lle dese masaxes, tiña que darllos xa, ao momento, senón mordíame nas mans; pero a pesar de todo era o meu preferido.

jueves, 27 de noviembre de 2008

Píramo e Tisbe

A Metamorfosis de Ovidio ten gran valor poético e mitográfico tanto polo seu contido, como por ter sido o máis espléndido manual de mitoloxía no que se inspiraron ao longo da historía lexións de artistas como pintores, escultores, músicos... É un dos meus libros preferidos.
No libro IV desta obra está o poema que máis me gusta, "Piramo e Tisbe" que relata a historía de dous amantes cuxas familias eran inimigas, as súas casas só estaban separadas por unha parede a cal tiña unha fenda que lles servía aos amantes para comunicarse a través dela; deciden un día enganar aos guardiáns e reunirse fóra da cidade baixo unha árbore de froitas brancas, unha poderosa moreira situada preto dun frío manancial. Tisbe consigue fuxir e chega ao lugar da cita e séntase baixo a árbore a esperar ao seu amor, chega entón unha leoa que ía beber despois de comer uns bois que matara; ao vela, Tisbe fuxiu e escondeuse nunha cova pero na fuxida perdeu o seu manto, cando a leoa viu o manto rompeuno coa súa boca ensanguentada. Piramo chegou máis tarde e ao ver as pegadas da leoa e o manto cheo de sangue, pensou que a súa amada fora devorada pola fera e desesperado cravouse o seu puñal; o sangue salta a grande altura e as froitas da árbore tinguense de escuro, e a raíz humedecida no sangue, matiza de cor púrpura as moras que colgan. Cando Tisbe decide saír da cova, busca ao mozo e anque está segura que é o lugar, as froitas da árbore fana dubidar pero ve no chan o corpo ensanguentado, recoñece ao seu amor, e dase conta do que pasou (Pyrame quis te mihi casus ademit) "Piramo que desventura me deixou sen ti" (Pyrame, responde! Tua te carissima Thisbe nominat: exaudi vultusque atolle iacentes! ) "Piramo responde, é a túa adorada Tisbe a que te chama, escoita e levanta a túa cabeza abatida" a túa propia man deuche a morte e o teu propio amor, irei tras túa e da túa morte dirase que fun eu a tráxica causa e compañeira e de quen só a morte podía arrancarme nin a morte poderá arrancante de min. Pídolles aos teus pais e aos meus non nos separen e nos soterren na mesma tumba e ti árbore que coas túas pólas das sombra a un corpo só, pronto lla darás a dous, conserva os sinais da nosa ruína e ten sempre froitas negras propias para o luto, en memoria do noso sangue; desesperada suicídase co mesmo puñal. As súas pregarias conmoveron aos seus pais e aos deuses, as froitas da moreira son negruzcas cando están maduras e as súas cinzas descansan nunha única urna baixo a árbore.
Despois de ler o contido de varios blogs no día adicado a muller maltratada eu pensei en escribir isto... Habería que plantar unha moreira cada vez que unha muller é asasinada, por desgraza xa teriamos un bosque inmenso.
Isto só é un desatino dunha muller cincuentona que quere rematar cunha reflexión: Se as mulleres somos as que parimos, as que amamantamos e criamos, que facemos mal para que existan homes que só nos vexan como simples obxectos?. Quen é o culpable de que exista unha sociedade machista? eu estou convencida de que somos as mulleres.

miércoles, 26 de noviembre de 2008

A linguaxe das flores...

Grazas ás flores podemos expresar diversidade de sentimentos, como amor, amizade, respecto, condolencia... Polo que son xa parte esencial de vodas, aniversario, aniversarios, concursos e funerais; nos seus máis variadas cores e formas.
É moi importante entón ter nocións básicas do significado que as flores teñen por cor e especie. Existe unha linguaxe moi propia das flores, da cal a súa difusión foise perdendo no tempo, pero da que aínda podemos rescatar algúns detalles interesantes. Devandita linguaxe coñécese tamén como floriografía, a cal utilizábase amplamente na época vitoriana para enviar mensaxes cifradas...

Para comunicar amor e apasionamiento utilízanse as rosas vermellas, uso que aínda hoxe teñen pois son as rosas máis populares cando de amor romántico se trata, por exemplo, no día de San Valentín. Agora, as rosas brancas, tan utilizadas en vodas, significan pureza, castidade, virtude. Pero se o que se quere é comunicar amizade e devoción, as rosas amarelas son ideais para isto.
Aínda que recordemos que máis aló das rosas, hai unha inmensa variedade de flores que transmiten sentimentos tamén, como o Narciso: recordos ou a Viola tricolor: pensamentos.
Así que a próxima vez que debas mandar un ramo de flores pensa coidadosamente o que desexas transmitir co teu agasallo... ;)

Fonte: Wikipedia

"Reflexións"

Hoxe recibín a revista "Historía" de National Geograpic e na portada en letras destacadas pon "Tutankhamón: El rey desconocido". Eu pregúntome: por quen é descoñecido?, todo o mundo, aínda que non teña nin idea da historía de Exipto, coñece o nome de Tutakhamón. Aínda non tiven tempo de ler o artigo, non obstante, eu opino que se a civilización exipcia foi importante durante case 3000 anos, por que se lle presta tanta atención a un faraón que só estivo no poder 9 anos? tampouco é famoso porque fíxese algo importante. Poida que só se trate de que é do que máis restos se encontraron; entón un home que case non aportou nada a verdadeira historía da súa civilización agora despois de moitos séculos converteuse nunha das referencias máis coñecidas.
Quen lle ía dicir o pobre Tutankhamón que viviu no século XIV a. de C. que no século XXI d. de C. a súa mascara mortuoria ía ocupar as portadas das revistas. Está claro que para todo hai que ter sorte, no caso deste faraón eu pregúntome se el estaría de acordo de que a súa imaxe aparecese con tanta frecuencia nas portadas das revistas.
Eu non me podo nin imaxinar que por calquera broma do destino dentro de XX séculos alguén fose a utilizar os meus restos ou os das persoas que quero como ratas de laboratorio, anque iso me dese unha fama que na miña época non tiven nin quero.