lunes, 9 de febrero de 2009

Cadmo e Harmonía

Cadmo sementando os dentes da serpe
A Metamorfose de Cadmo e Harmonía

O oráculo de Delfos foi o que recomendou a Cadmo que abandoase a procura de Europa (a súa irmá) raptada por Zeus, e fundase unha cidade no sitio no que certa vaca se deitase. Cando a vaca se deitou, apareceu unha serpe que acabou con moitos dos compañeiros do heroe; Cadmo matouna cunha pedra e aconsellado por Atenea sementou os dentes da serpe. Dos dentes sementados surxiron os Espartoi. Cadmo tirou pedras entre eles, os Espartoi comezaron a acusarse os uns aos outros e estableceuse entre eles unha loita á que só sobreviviron cinco: Udeo, Ctonio, Equión, Hiperenor e Pelor. Cadmo foi condenado a servir de escravo a Ares durante oito anos por matar á serpe, que descendía de Ares. Unha vez liberado coa axuda dos Espartoi construíu Tebas. Casou con Harmonía e a súa voda tivo tanto fasto como a de Tetis e Peleo. Entre os agasallos nupciais a noiva recibiu un colar de ouro, obra de Hefesto e un veo ou vestido, confeccionado polas Grazas. Estas pezas que tiñan poderes máxicos xogaron un papel moi importante nos futuros conflitos dos seus descendentes. Xuntos tiveron a Ilirio, Polidoro, Ino, Autónoe, Sémelle e Ágave.
A esposa de Zeus, Xuno, que non podía esquecer que Cadmo era irmán de Europa, amante do seu home, non estaba contenta e atraeu a desgraza na súa familia: Ino (unha das fillas) botouse ao mar, nun arrouto. Sémelle morreu vítima dos raios de Zeus. Un neto, Penteo foi despedazado polas ménades, e outro, Acteón, foi despedazado polos seus propios cans. Por último o seu propio pobo tebano, levantouse contra el, e o mesmo Diónisos (fillo de Sémelle e Zeus) destruíu o seu pazo, de xeito que Cadmo e a súa esposa, Harmonía, xa anciáns, buscaron refuxio na Iliria. Cargados xa de desgrazas e de anos, ao repasar os primitivos infortunios da súa casa e rememorar nas súas conversas os seus sufrimentos, di Cadmo: "Sería sacra aquela serpe que eu atravesei coa miña lanza na época en que, chegado de Sidón, sementei polo chan os dentes viperinos, semente insólita?. Pois se o afán dos deuses quere vingala con tan tenaz rancor, pídolles ser eu mesmo unha serpe que se alargue sobre o seu ventre". Coma unha serpe, téndese sobre o seu ventre e entón nota que a pel se lle endurece, e estanlle medrando escamas e que o seu corpo, salpícase de manchas azuis; cae entón de bruzos sobre o peito e as súas pernas unidas nunha soa peza, van minguando aos poucos ata rematar nunha punta redondeada. Aínda lle quedan os brazos, téndeos e con bágoas que lle percorren o rostro aínda humano exclamou: "Achégate, oh esposa, achégate infortunada, e mentres aínda subsiste algo de min tócame, toma a miña man, mentres non me ocupa de maneira total o réptil".
Quere el seguir falando, pero a súa lingua féndese en dúas partes; non acoden as palabras ao seu propósito de falar, e cada vez que intenta proferir algún queixume, asubia; esta é a voz que lle deixou a natureza. Golpeándose coa man os peitos espidos, a esposa berra: "Cadmo, espera, e desposúete, desdichado, desa forma monstruosa. Cadmo, que é isto?. Onde están os teus pés? Onde os teus ombreiros e as túas mans e a túa cor e a túa cara e, mentres falo, todo o teu?. Por que non me convertedes tamén a min, deuses do ceo, na mesma serpe?.
Así falou, mentres Cadmo achegábase ao seu seo querido, como recoñecéndoo, e dáballe abrazos botándose ao seu pescozo como sempre fixera. Todos os presentes quedan aterrados; pero ela acariña o esvaradío pescozo do empenachado dragón e de súpeto son xa dous e van reptando cos seus repregamentos xuntos, ata que penetraron nos agochos dun bosque inmediato. Aínda agora nin foxen do home nin lle inferen feridas, e son dragones inofensivos que lembran do que eran antes.

No hay comentarios: