imaxe tomada de internetXoaniña / barrosiña/ costureira/ maruxiña/ papasol/ papoia/ reirrei/ voaniña/ voíña.
A propiedade e natureza da xoaniña é que cando unha persoa a colle e a pon sobre a man estendida, a xoaniña comeza a percorrer os dedos da man un a un, dende o polgar ata o maimiño, mentres que a persoa lle canta unha cantiga; pero se para de cantar, a xoaniña comeza a voar e foxe, quedando un arrecendo moi forte na man.
Pola xoaniña debemos entender o amor, que cando chega onda nós comeza a percorrernos a man , isto é, os cinco dedos, é dicir, os cinco sentidos, e nós cantamos, ou sexa, somos felices Pero se, cando nos percorre os cinco sentidos, nós deixamos de cantar, é dicir, de arrolar o amor, entón o amor foxe, e queda un arrecendo moi forte na man, e dicir, queda unha tristura cun cheiro a xofre moi forte no corazón da persoa, segundo Ovidio escribiu: " Mentres o amor é novo, é vacilante; co uso aumenta a súa forza: se o alimentas axeitadamente farase firme co tempo", que é como se dixese: "se lle cantas".
Texto copiado de "Libellus de natura animalium"
Ditos e cancións galegas:
Xoaniña de Deus, cóntame os dedos e vaite con Deus.
Voa, voa, voaniña
que che dou pan e sardiña,
a sardiña está no mar
e o pan no altar.
Xoaniña, voa, voa
que teu pai vai en Lisboa
e a túa nai no Porriño
e cando veña tráeche un boliño.
Xoaniña, voa, voa
que teu pai vai en Lisboa
e túa nai coas vacas
e tráeche unhas poucas papas.
Papasol/catasol, papasol/catasol,
dille a teu pai
se mañá vai sol ou non.