jueves, 11 de diciembre de 2008

Fraseoloxía galega

Ditos para cando se bebe demasiado:

Achegarse ás paredes, andar coma un pelexo, andar facendo eses, apañar unha carpa, beber máis da conta, borracho coma unha cuba, cargar o carro, coller unha cogorza, comprar unha mula, estar coma unha uva, ir algo alumeado, levar unha trompa enriba, pegarlle á botella, pescar peas, pillar unha mona, levar un vasiño, traer unha tralla.


Ditos para aparentar e non ser, aparentar o que non se ten, non ser algo como parece...

A cabra da miña veciña sempre dá máis leite cá miña, comer sardiña e arrotar pescada, facer rabos ás culleres (aparentar que se traballa), moita palla e pouco grao, moitas olas ao lume e un garavanzo a cocer, moito ladrar e moito morder, non é tan fero o león como o pintan, nunca chove como trona, ser auga que dorme, ser todo fume, traballar para a galería, unha cousa é dicilo e outra é facelo.

Na fala popular en galego utilizamos "carallo" para manifestar:
Resignación: ai que carallo!
Indignación: que carallo!
Burla, mofa: bueno carallo, bueno!
Desplante: vai ó carallo
Inquisitivo: que carallo é!
Contrariedade: tócate o carallo
Cansazo: deixate de caralladas
Ofensa: Este carallo é parvo!
Templanza: cálmate, carallo!
Ameaza: vén, carallo, vén
Negación : non, carallo, non
Negacion rotunda: nin carallo nin nada
Xuramento: me cago no carallo!
Ira: me cago no carallo, carallo!
Loanzas: é un home de carallo
Dúbida: o carallo vinte e nove
Estrañeza: pero, que carallo pasa?
Desprezo: pásamo por debaixo do carallo
Animoso: dálle carallo, dálle
Caprichoso: saíume do carallo
Cualitativo: non vale un carallo
Valorativo: róncalle o carallo
Fatalidade: ten carallo a cousa...!
Agotamento: xa estou ata o carallo
Picardía: o caralliño
Metereoloxía: vai un tempo do carallo
Lonxe: no quinto carallo

lunes, 8 de diciembre de 2008

Dafne

Dende o verso 452 ata o 567 do libro primeiro da Metamorfose Ovidio cóntanos a metamorfese de Dafne "Primus amor Phoebi Daphne Peneïa: quem non fors ignara dedit,sed saeva Cupidinis ira." "O primeiro amor de Febo (Apolo) foi Dafne, a filla de Peneo, e non foi produto do cego azar, senón da salvaxe ira de Cupido".
O que pasou foi o seguinte: Cando ía Apolo paseando todo fachendoso porque el só fora quen de matar a serpe Pitón, tropezou con Cupido que estaba xogando co seu arco e entón Apolo díxolle "quid tibi, lascive puer, cum fortibus armis?" (que tes ti que ver, neno lascivo, coas armas dos valentes?) esa carga é propia para min que sei loitar coas feras e cos inimigos e que non hai moito que matei á Pitón.
Díxolle a Cupido que se dedicase ao seu e que se deixase de buscar gloria porque esa era para el. Cupido contestoulle: Aínda que o teu arco atravese todo o demais o meu vaite atravesar a ti.
Fuxiu Cupido cara a cima do Parnaso e alí sacou frechas de diferente efecto; unha fai fuxir ao amor, a outra prodúceo. A frecha que fai fuxir ao amor cravouna o deus na ninfa de Peneo (Dafne) a outra a que produce amor cravoulla ata medula a Apolo. Ao instante Apolo queda namorado mentres Dafne aborrece o amor e só goza correndo polas espesas fragas e cazando feras, imitando a deusa Diana; Peneo, o seu pai, está preocupado "generum mihi, filia, debes" (filla, débesme un xenro) "debes mihi, nata, nepotes" (filla, débesme uns netos). Ela colgándose do pescozo do seu pai dicía: "da mihi perpetua, genitor carissime virginitate frui! dedit hoc pater ante Dianae" (concédeme queridisimo pai poder disfrutar da virxinidade perpetua, tamén a Diana lla concedeu o seu pai).Peneo atendeu as súas pregarias, nisto Apolo viu a Dafne e deséxaa e como sempre consegue todo o que desexa, mentres ela fuxe el non deixa de perseguila tratando de convencela, contándolle todo aquilo que é e o que fixo, pero a ninfa cada vez corre máis, só quere que Apolo non a pille, pero ao fin Apolo, que é máis forte, acorta distancias e esgotada Dafne mira as augas do Peneo (o seu pai) e pídelle que destrúa a súa figura para deixar de gustarlle a Apolo. Aínda non acabara a súa pregaria cando empezou a notar que as súas pernas cada vez eran máis pesadas e a súa pel íase cubrindo dunha fina casca, os seus cabelos medraron ata transformarse en follas, os seus brazos en pólas e os seus pés antes tan lixeiros agora están inmobilizados en raíces, na súa cabeza unha arbórea copa, só queda de Dafne a súa espléndida beleza; aínda así Apolo segue amándoa e abrazándoa e díxolle :"Posto que non podes ser a miña esposa serás a miña árbore e vasme acompañar sempre, tamén serás a árbore dos caudillos e medrarás diante da porta de Augusto". O loureiro moveu as súas pólas para asentir.


Estas
cantigas son moi coñecidas na Galiza:

"Aparta loureiro verde,
deixa clarexar a lúa
que estou no medio do monte
non vexo cousa ningunha"

"O loureiro raíz de ouro
bota folliñas de prata...
Coller amores non custa
olvidalos si que mata."

A tradición de esparexer ramas de loureiro á entrada dos templos, cristianizou na bendición dos ramos na Semana Santa. Estes ramos levan emparellada a facultade de espantar os treboadas. Lembro cando era nena que a miña avoa cando había treboadas queimaba follas de loureiro, bendicido o Domingo de Ramos, na porta da casa. Non recordo ben se era para aplacar a Santa Bárbara se era para honrala.

Entre as propiedades desta árbore estaban as de dar ós profetas a facultade de ver o que estaba oculto, chegando a inxerir as follas para lograr a clarividencia.


Sistema dixestivo
Estimula o apetito e as secrecións dixestivas, así como os movementos intestinais. Facilita a dixestión, mellora ou prevén situacións de pirose ou acidez, así como os espasmos intestinais.

Sistema respiratorio
Favorece a expulsión das mucosidades das vías respiratorias e contén sustancias de acción bactericida, polo que resulta moi adecuado en caso de afeccións talles como a bronquite, farinxite etc.

Sistema circulatorio
Contén acedos graxos insaturados, entre eles o oleico e linoleico. Ambos ácidos graxos posúen accións beneficiosas xa que o seu consumo contribúe a reducir o risco de enfermidades cardiovasculares, aínda que a acción máis destacable do loureiro é a nivel do sistema dixestivo.

Outros efectos beneficiosos...
Posúe unha lixeira acción antinflamatoria, contribúe a regular a menstruación na muller e é diurético; aumenta a produción e volume de ouriños, axudando a eliminar o exceso de líquidos do organismo.