jueves, 7 de mayo de 2009

Quen merca o leite?


imaxe tomada da internet
Os sindicatos chaman a unha rebelión do campo. A crise do sector lácteo agudízase.Leite Pascual anunciou o peche da súa fábrica de Outeiro de Rei e deixa de recoller leite na comunidade autónoma. A empresa anunciou aos 155 traballadores en Lugo a presentación dun expediente de extinción de contratos. Os sindicatos gandeiros galegos chaman a unha mobilización histórica.

A leiteira (tiven o atrevemento de pola en galego normativo)
Érgome ao abrir do día
inda alumea o luceiro,
e chegando a algún regueiro
bautizo con auga fría
o leite do meu pucheiro
porque mellor aproveite,
Quen merca o leite?

Madrugadores estudantes

hanche pasar pola veiga
e detéñense tunantes
pedindo nata, manteiga,
e que sei eu.... Banadantes!
mal fogo de Deus os deite,
Quen merca o leite?

Cando eu entro pola Vila

todos inda están na cama
en doce calma tranquila,
quen de sono os esperta?
eu que vou chama que chama
ata que algún se endereite,
Quen merca o leite?

E esperta algún señor
abrazando á compañeira
entre suspiros de amor,
pero grazas á Leiteira
que entre os seus brazos a estreite,
Quen merca o leite?

Corro á Vila sen parar

na cabeza posta a cesta
que relouco por comprar
un aderezo para a festa,
figa, rosario e pieite,
Quen merca o leite?

Tamén hei comprar xabrón

e unha cuartilla de aceite,
mais, ai! dou un tropezón,
adeus figa, adeus peite;
Meu Deus! que compaixón!
adeus aderezo, adeus leite!!!
Francisco Añón (1812 - 1878) un dos precursores do Rexurdimento galego.Curros Enriquez na súa obra "O divino Sainete" que é un poema satírico de tipo caricaturesco (inspirado na Divina Comedia de Dante), narra a peregrinación de Curros Enríquez a Roma, guiado por Francisco Añón (que se presenta como capitán da Santa Compaña galega) con motivo do ano xubilar celebrado polo pontífice León XIII.
A fábula da leiteira foi un tema do que escribiron entre outros: Esopo, Don Juan Manuel (s. XIV), Félix María de Samaniego (s. XVIII) ...

A Tibulo tamén lle gustaba o campo


Aquí pódese ver a flor do meu sabugueiro


Aquí é onde emprego o meu tempo ocioso

Amontoe outro para si riquezas de brillante ouro e posúa moitas xugadas de terreo cultivado;
que a ese labor cotián lle traia o medo cando estea preto o inimigo e que os sons da trompeta de Marte lle quiten o sono.

A min léveme a miña pobreza por unha vida ociosa mentres brille o meu fogar co habitual lume.

Eu mesmo, labrador, plantarei as tenras vides no momento adecuado e os crecidos froitos con experta man.

E non me abandone a esperanza, senón que me proporcione sempre cheas de froitos e abundantes mostos no repleto lagar.

Pois sinto veneración se un tronco solitario no campo ou unha vella pedra na encrucillada teñen floridas grilandas,e calquera froito que me ofrece o novo ano é colocado como ofrenda aos pés da deusa agrícola.

Loira Ceres, toma para ti unha coroa de espigas
arrancada da miña terra para que colgue ante as portas do teu templo e que Príapo, o roxo gardián, álcese nos hortos cargados de froitas para espantar ás aves coa súa salvaxe fouce.

(Tibulo., I 1, 1-18)

Divitias alius fuluo sibi congerat auro

et teneat culti iugera multa soli,

quem labor adsiduus uicino terreat hoste,

Martia cui somnos classica pulsa fugent:

me mea paupertas uita traducat inerti,

dum meus adsiduo luceat igne focus.

ipse seram teneras maturo tempore uites

rusticus et facili grandia poma manu:

nec Spes destituat sed frugum semper aceruos

praebeat et pleno pinguia musta lacu.

nam ueneror, seu stipes habet desertus in agris

seu uetus in triuio florida serta lapis:

et quodcumque mihi pomum nouus educat annus,

libatum agricolae ponitur ante deo.

flaua Ceres, tibi sit nostro de rure corona

spicea, quae templi pendeat ante fores;

pomosisque ruber custos ponatur in hortis

terreat ut saeua falce Priapus aues.



miércoles, 6 de mayo de 2009

Xan sen Coidados





Estas fotos están feitas nestes últimos días, son do meu xardín e son para todos os que seguen este blog e teñen a paciencia de ler o que escribo.



Un home que todo lle parecía ben nesta vida e que non se apuraba por nada nin no apuro máis grande, puxo un letreiro na súa porta que dicía: Xan sen Coidados


Un día pasou por alí o rei paseando, viu o letreiro e preguntoulle aos acompañantes quen era aquel home. Respondéronlle que era un fulano ao que non lle metía apuro ningunha cousa deste mundo nin do outro.

-Home! -dixo o rei- Conque eu, que son o rei, teño coidados e máis coidados... Chamade por el, que xa eu lle buscarei coidados.


Chamaron por Xan sen Coidados e díxolle o rei:


-Xan como non tes coidados vouchos buscar eu: dentro de tres días hasme dicir canto pesa a lúa, cantas xornadas hai de aquí ao ceo e canto vale a miña persoa.


Entón si que lle entraron coidados ao Xan sen Coidados!. Por moitas voltas que lles daba ás preguntas que lle fixera o rei, non atopaba que responder.
Paseando un día polo monte encontrou un pastor que lle preguntou por que andaba tan caviloso, el que era sempre tan algareiro. Contoulle o caso e o pastor respondeu:


-Por pouca cousa te apuras, home!. As respostas son estas:a lúa ten catro cuarteiróns, logo pesa unha libra. De aquí ao ceo hai unha xornada, pois como non hai tabernas no camiño non hai onde parar. O rei non vale máis ca vintenove moedas, pois Cristo valeu trinta, digo eu que algo menos valerá o rei.


Foise Xan sen Coidados coas respostas ao rei, que se admirou de tanto saber e levou ao pastor e ao Xan sen Coidados para onda el.


Antoloxía do conto popular galego, de Henrique Harguindey e Maruxa Barrio. Ed. Galaxia

martes, 5 de mayo de 2009

Nin "Pepas" nin "Pedros"




Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai compoñer cestos,
Xan vai podar as viñas,
Xan vai apañar o esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trae o estrume ao cortello,
e vai a fonte por auga,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito e o caldo...
Xan, en fin, é un Xan completo,
deses que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
case sempre atopa un Pedro.

Pepa, a afortunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentres seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátalle as pulgas ao gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
murmura coa irmá do crego,
mira se hai ovos no niño
bota un ollo ás maceiras,
e lambe a tona do leite,
e si pode bota un neto
coa comadre, que agochado
tráello embaixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera entre as mantas,
e ao velo entrar dille quedo:
-Por Deus non barulles moito...
que me estou mesmo morrendo.
-Pois que tes, miña mulleriña?
-Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
e ao cabo ha de dar comigo
nos terróns do cemiterio...
-Pois, miña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, miña mulleriña,
mentres os meniños deito.

De bágoas énchense os ollos,
de Xan ao ver tales feitos;
máis non temades, que entre mil,
non hai máis que un anxo entre os demos,
non hai máis que un atormentado
entre mil que dan tormentos.


neto: Medida de capacidade para líquidos equivalente a medio litro, e recipiente con esta capacidade.
madre: Órgano do aparato reprodutor dos mamíferos femias, que está destinado a conter o embrión e despois o feto ata que se desenvolva por completo.


Este poema é de Rosalía de Castro, pertence a Follas Novas, publicada en 1880. Esta obra, xunto con Cantares gallegos, foron escritas en galego; eu púxena en "galego normativo".
Follas Novas é unha compilación de poemas ordenados sen un criterio claro. O libro preséntasenos estruturado en cinco seccións: Vaguedás, Do íntimo, Varia, Da terra, As viúvas dos vivos e dos mortos.
Este poema pertence á sección "Da terra" e a autora dálle o título de "Xan"


Que fermosa sería a vida se non houbese tantas "pepas" e tantos "pedros"


Fraseoloxía galega: ser un Xan, ser un Xan de ninguén, ser un Xan de debaixo da cama, ser un Xan por entre elas, ser un Xanciño.


En Galiza existe unha lenda sobre Xan Quinto que era unha especie de Robin Hood á galega, tamén escritores do século XIX como Emilia Pardo Bazán fan referencia a unha bandoleira galega coñecida como Pepa a Loba


domingo, 3 de mayo de 2009

Quen lle pon o cascabel ao gato?.


Esta é unha gatiña

Este é un gatiño


Aquí están a darse un biquiño


Que fermosos!


Aínda non teñen nome, son os fillos de Mixa, teñen quince días


Un hábil gato fai tal matanza de ratos, que ve un e é cea servida. Os poucos que quedan, sen valor para saír do seu buraco, confórmanse coa súa fame. Para eles, ese non é un gato, é un diaño carniceiro. Unha noite en que o gato sae polos tellados en busca do seu amor, os ratos fan unha xunta sobre o seu problema máis urxente.

Desde o comezo, o rato máis vello, sabio e prudente, sostén que dalgún xeito, tarde ou cedo, hai que idear un medio de modo que sempre avise da presenza do gato e poidan eles agocharse a tempo. Efectivamente, ese é o remedio e non hai outro. Todos foron da mesma opinión, e nada lles parece máis indicado.

Un dos asistentes propón poñerlle un cascabel ao pescozo do gato, o que lles entusiasma moitísimo e din que será unha excelente solución. Só se presenta unha dificultade:

Quen lle pon o cascabel ao gato?.

- Eu non, non son parvo, non vou!

- Ah, eu non sei como facelo!

En fin, remata a reunión sen adoptar ningún acordo.


Sentenza: Nunca busques solucións imposibles de realizar.