viernes, 20 de febrero de 2009

Khalil


Ola, eu chámome Khalil, nacín unha noite de Xuño (o 26) hai tres anos, miña nai chámase Narda e o meu pai Urente, seméllome máis ao meu pai, son alazán coma el, a miña nai é torda, pero tamén moi guapa.
O meu nome púxomo Adrián, el dí que significa "bo amigo" en árabe e como son desa raza, por iso decidiu que me ía chamar así.
Non son moi alto, quedeime pequeniño coma o meu pai, son algo nervioso pero case sempre me porto ben, gústanme moito os nenos e cando vén Sami dende Ferrol (Sami ten 2 anos e medio) doulle moitos biquiños, bueno non sei dar bicos coma os humanos, pero arrímolle o meu fuciño a súa cariña.
Todos os días saio ao prado entre as nove e as dez da mañá, algúns días vai moito frio, as herbas están brancas pola xiada e entón eu e o meu curmán xogamos a un xogo que se chama "a ver quen pode hoxe", e un xogo moi entretido, pelexamos ata ver quen primeiro cae ao chan e despois xogamos tamén "o pilla" e hai veces que lle fago trampa para que non me pille, o meu curmán é un pouco inocente e deixase enganar.
Nos prados non temos case comida porque un animal que se chama xabaril encárgase polas noites de arrancar todas as herbas, cada mañá cando chegamos ao prado encontrámolo todo cavado, eu penso que ese animal debe de ter insomnio porque sempre vai polas noites.
Hai tempo tiñamos un amigo, viña todos os días a facernos compaña, era un animal que semellaba un can pero máis pequeno e cun rabo moi longo e peludo penso que lle chaman zorro, era moi bo, pero xa levamos moito tempo sin velo, ao mellor pasoulle unha desgraza.
A min gústame moito o pan, as froitas e todas as lambetadas que me dan.
De tempo en tempo aparece alí pola miña casa un home que non me gusta nadiña, quere tócarme nos cascos e iso non me gusta, sempre ten que picarme cunha agulla e despois eu quedo coma atontado e teño que estar quietiño aínda que non queira, o home colócame uns zapatos que fan moito ruído e tampouco me gustan.
A tardiña van buscarnos e lévannos para a corte, a veces eu asustome un pouquiño porque teño que ir pola beira da estrada e os coches non respetan a velocidade, pasan coma tolos, hai algúns que pasan polo meu carón facendo moito ruído. De todas formas xa me vou afacendo pois non teño máis remedio, para ir ao prado non hai outro camiño e nesa estrada non se debería poder pasar de 50 porque hai sinais de poboación pero iso aos humanos non lle importa.
Eu vou pedirlle aquí aos políticos que poñan sinais de animais, os meus donos pedíronas hai tempo, pero como non están censados nese concello, pois eles viven en Ourense e votan en Ourense, non lles fixeron caso ningún.

jueves, 19 de febrero de 2009

CANCIÓN PARA CANTAR TODOS OS DÍAS


Manuel María (1929 - 2004)



Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.

Hai que ser duros, pelexóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.

Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.

Seríamos, sen fala, uns ninguéns,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.

O idioma somos nós, pobo común,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.



miércoles, 18 de febrero de 2009

Unha pregunta para quen a saiba

Hoxe pola mañá escoitei a un dos xuíces que están de folga que unha das razóns era porque o acordo ao que chegaran co goberno era un "Acuerdo a la gallega".
Alguén me pode explicar que quería dicir o señor xuíz?. Existen acordos a catalana, a vasca, a madrileña, a andaluza...?
Eu pregúntome ata cando imos os galegos a consentir que o resto dos españois utilicen o galego como algo pexorativo, o dicionario da RAE difine asi galego:

gallego, ga.

(Del lat. Gallaecus).

1. adj. Natural de Galicia. U. t. c. s.

2. adj. Perteneciente o relativo a esta comunidad autónoma de España.

3. adj. En Castilla, se dice del viento cauro o noroeste, que viene de la parte de Galicia. U. t. c. s.

4. adj. Ant., Arg., Col. y Ur. Dicho de una persona: Nacida en España o de ascendencia española. U. t. c. s.

5. adj. C. Rica. tonto (falto de entendimiento o razón).

6. adj. El Salv. tartamudo.

7. m. Lengua de los gallegos.

8. m. C. Rica y Nic. Especie de lagartija crestada que vive en las orillas de los ríos y nada con mucha rapidez.

9. m. C. Rica. libélula.

10. m. Cuba y P. Rico. Ave palmípeda de plumaje ceniciento, rabadilla, vientre y cola blancos, patas, pico y párpados rojizos.

11. m. Cuba. En un ingenio, dispositivo que aplana y nivela la caña antes de ser molida.


Na 7 entrada é onde se coloca o nome en castelán da lingua que se fala na Galiza/Galicia, antes diso somos tontos , tatabexos, na oitava lagartas, na novena cabaliños do demo e na décima unha ave.

A min a dicir verdade impórtame pouco que me chamen tonta, tatabexa...sei o que son e ante todo son galega e cando alguén fai burla da miña condición de galega molestame moito, e cando o fai un político, xuíz... aínda moito máis.

lunes, 16 de febrero de 2009

As árbores baixo a protección dos deuses

Noutro tempo, os deuses escolleron as árbores que querían tomar baixo a súa protección. A Xúpiter/Zeus gustoulle o carballo (Quercus) a Venus o mirto/ arraián (Myrtus), a Febo/Apolo o loureiro (Laurea nobilis), a Cibeles o piñeiro (Pinus) e o álamo (Populus celsa)) a Hercules.
Minerva/ Atenea admirada preguntoulles por que escollían árbores esteriles.
Xúpiter díxolle o motivo: para que non pareza que vendemos ás árbores este honor polos seus froitos.
Por Hercules! - dixo Minerva- cada quen dirá o que queira pero a min resúltame máis agradable a oliveira polo seu froito".
Entón o pai dos deuses e creador dos homes falou así:
- "Filla miña! con razón todos che chaman sabia. Se non é útil o que facemos, vana é a gloria"
A fábula aconsella non facer nada que non reporte proveito.


Esta é unha fábula de Fedro

Olim, quas vellent esse in tutela sua,
divi legerunt arbores. Quercus Iovi
et myrtus Veneri placuit, Phoebo laurea,
pinus Cybebae, populus celsa Herculi.
Minerva, admirans, quare steriles sumerent
interrogavit. Causam dixit Iuppiter:
"Honorem fructu ne videamur vendere."
"At, mehercules, narrabit quod quis voluerit,
oliva nobis propter fructum est gratior."
Tum sic deorum genitor atque hominum sator:
"O nata, merito sapiens dicere omnibus !
Nisi utile est quod facimus, stulta est gloria."
Nihil agere, quod non prosit, fabella admonet.