lunes, 19 de enero de 2009

A figueira







A figueira é un das árbores máis antigas cultivada polo home.
É a primeira árbore que se cita na Biblia.
Na mitoloxía grega está relacionada con acontecementos e deuses que testemuñan a súa orixe ctónico(designa ou fai referencia aos deuses ou espíritos do inframundo por oposición ás deidades celestes), en cambio na India considérase unha árbore sacra.


Naturalmente, na mitoloxía grega existe moita información sobre a figueira. Unha das referencias máis directas faise na batalla dos Titáns. O paso da época dos deuses ctónicos aos solares non foi pacífica. O mito conta que as batallas entre os aliados de Zeus, os Cíclopes, e os seguidores de Crono, os Titáns, duraron nove anos. Ao final, os Titáns afundíronse no fondo da Terra, na escuridade do Tártaro, do cal Zeus saíu vencedor. Excepto un deles, todos se afundiron nas sombras. Syké(figueira) regresou á luz, en forma dunha árbore.

Segundo outra versión, a Figuera debe a súa existencia a Dioniso. Venerouse como árbore de Dioniso e ao mesmo tempo de Príapo.


Unha terceira versión conta que a deusa Deméter regalou a Figueira ao pobo de Ática, onde se refuxiou cando gardaba loito polo rapto de Persefona.


A particular relación que existe entre a Figueira e os deuses da terra, da auga, da lama obsérvase na súa forma. A madeira é de cor gris como a cor das rochas, porosa, e incombustible. É húmida e carece de resina. Ao manter a humidade nos poros, é moi resistente a grandes secas.


A figueira na cultura popular galega

Lamas Carvajas recolle o uso dos figos, entre outras cousas, para curar o tangaraño (raquitismo) dos nenos , colgándollos do pescozo. LisQuiben recolle outro uso medicinal, neste caso para curar o mal do torrón (unha enfermidade do bazo non definida): consiste en levar o meniño enfermo de noite a un prado no que medre unha figueira -ou unha moreira- e colocalo de pé sobre a herba, logo córtase o terrón ó redor dos pés e volven á casa co terrón posto sobre o bazo do enfermo. Así, segundo vai secando o terrón, vai curando o rapaz.

Moito máis estendido é o uso do leite dos figos e brevas (é dicir, do látex) para curar as espullas.

Locucións

  • Caer coma un figo maduro (ceder unha muller ós requirimentos sexuais dun home).
  • Estar coma unha bévera (dise dunha persoa chea de achaques).
  • Máis mol que unha bévera
  • Mirrado coma un figo
  • Ser coma a leña da figueira, recia de fume, fraca de madeira (aparentar máis do que se é).
  • Ser coma un figo (ser moi delicado, que non se lle pode tocar).

Refraneiro

  • A leña da figueira, recia de fume e fraca de madeira.
  • A negra con frío non vale un figo, a branca con xeada, nin figo nin nada.
  • A unha vella enriba dun muro, tembráballe o cu coma un figo maduro.
  • Ano de béveras, nunca acá veñas.
  • Ano de béveras, nunca o vexas.
  • Auga ó figo e para pera viño.
  • Cando a figueira ten folla, val ouro a solla.
  • Cando a gaivota busca unha figueira, anuncia tempestades desa maneira.
  • Cando hai uvas e figos, amaña os teus vestidos.
  • Con béveras e con figos non aproveitan os viños.
  • Con béveras, viño bebas, e con figos, auga e viño.
  • Con caracois, figos e béveras auga non bebas, pero o pan e o viño sexa tanto que todo o que comas ande nadando.
  • Con figos e béveras viño non bebas.
  • Con figos e béveras, auga bebas.
  • Con figos, bebe auga ou viño.
  • Deben nadar en viño os caracois, as béveras e os figos.
  • Digo e redigo que a bévera nunca foi figo.
  • Digo que a figueira non é figo, e así o digo.
  • En tempo de figos non hai amigos.
  • Figos á figueira, vellos á fogueira.
  • Figos á figueira, vellos á golfeira.
  • Folla na figueira, muxe na ribeira.
  • Nin morcilla sen figos nin voda sen pan trigo.
  • No tempo dos figos non hai amigos.
  • O figo na figueira, a froita na praza e a moza no mesón, tres cousas son que maduran sen sazón..
  • Ós figos, se son verdes, hai que darlle viño.
  • Primeiro a ameixa, despois a cereixa, despois o figo e o carrapichote meu amigo.
  • San Técola que vendima as uvas e os figos leva.
  • Santiago trae as béveras e os figos leva santa Tecla.

Cantigueiro

  • A miña muller é vella,/ de vella non me ten fillos,/ heina de mandar colgar/ nunha figueira de figos.
  • A miña muller é vella/ e de vella non ten fillos;/ heina de pór de espantallo/ nunha figueira dos figos.
  • A unha vella/ enriba dun muro/ tembláballe o cu/ coma un figo maduro.
  • A unha vella/ que estaba no muro/ tembráballe o cu/ como un figo maduro.
  • Eu non quero uvas,/ figos nin castañas,/ pero prás ameixas/ teño boas mañas.
  • O rei mandou unha carta/ dentro dun figo maduro:/ que as mulleres beban viño e os homes, mexo de burro.
  • ¡Quen fora reichiño roibo/ para cantar na túa figueira,/ pra non saír do teu horto/ e aniñar na túa silveira.
  • Vaia, que non tornas pouco/ da túa figueira, valeca!/ Eche segundo, meu neno,/ eche segundo a quen sexa.
  • Veña o aguinaldo logo,/ figos, viños e lacós:/ somos bos de conformar,/ non somos nada lapós.

Adiviñas

  • Adiviña adiviñador, ¿que froiteira carga sen a súa flor?.
  • Altas nais capeludas,/ mais fillos zaramboles. Adiviña ti, se podes.
  • Cen e cen fillos ten/ e todos a leite os mantén.

En tódolos casos, a solución é a figueira.

Bibliografía: http://gl.wikipedia.org/wiki/Figueira_(%C3%A1rbore)

8 comentarios:

mariajesusparadela dijo...

E, a primeira foto é dunha breveira. Ainda que teño entendido que antes (antes de antes) a árbore daba figos nunha época e brevas en outra.
O que non dis é que a sombra da figueira é malísima, mete no corpo un frío que non se vai con nada, aínda no mes de agosto...
Eu teño figueiras e breveira. De ambalasduas cousas disfruto moito: encántanme (pero,máis os figos).

Dilaida dijo...

Que bos están os figos! para os que temos problemas de quilos non son moi boa axuda.
A miña cadela Xena debece por eles, pásalle como me pasa a min. Ás dúas nos sentan mal pero son unha tentación...

mariajesusparadela dijo...

ö mellor, ti que tanto sabes, tamén sabes conservalos...eu intenteino, incluso cheguei a talas, de un en un, polo rabo e colgalos ó sol...non conseguín nada. Lendo no libro "el agricultor autosuficiente" vin un xeito de "forno desecador", pero inda non me parei a facelo. ¿Sabes algún xeito non complexo?.

Dilaida dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Dilaida dijo...

Non sei o que fixen e eliminei a entrada.
María Jesús eu non sei como se secan os figos, a miña avoa púñaos enriba dunhas tellas ao sol e ao estar secos por un lado, púñaos polo outro, non sei se despois facía algo máis ... estaban moi bos.
Eu sigo un blog no cal a autora dá recetas de cociña dos romanos. Fala das froitas e unha entrada está dedicada aos figos, non sei o que pon porque aínda non tiven tempo de lelo.
Este é o blog: DE RE COQUINARIA

mariajesusparadela dijo...

Graciñas, alá vou.

mariajesusparadela dijo...

Poucas recetas, pero cousas interesantísimas. Fíxate que, por medio dun enlace, cheguei á figueira que naceu en bolivia no sitio onde prenderon ó Ché, preto do povo que se chama "La Higuera": Cousas veredes que faran falar ás pedras...
Quén tivera unha vida enteira para camiñar por tanto coñecemento...

rivela dijo...

Cantas cousas novas sobre a figueira!!!
Graciñas por compartir tanto coñecemento e cultura popular. un saudo