lunes, 18 de mayo de 2009

A Rula / rola



En primavera chega a rula ata Galicia procedente da África subsahariana.
Chega para buscar parella e para rular. En setembro regresan para África para pasar o inverno.
É común ver a rula, ó mencer ou no solpor, case sempre en parellas ou en pequenos grupos, comendo sementes nas beiravías das estradas ou mesmo no medio delas. Moitas veces están tan ocupadas comendo, que dan a impresión de que non ven os coches, pero sempre saben erguer o voo no momento axeitado.
As rulas forman parellas estables durante todo o tempo que pasan connosco. Fan quendas para chocar os ovos, danlle aos ruliños o leite que os dous fabrican no bucho, e por se fora pouco, arrúlanse suavemente para demostrar o seu intenso apaixonamento.

Segundo o "Libellus de natura animalium" (Libriño sobre a natureza dos animais) Un bestiario medieval a natureza da rula:

É tal a natureza da rula que se lle acontece que perde o seu compañeiro, non bebe nunca máis auga clara, nin se pousa en póla verde.

"Talis est turturis propietas quod si contingat quod amittit socium, non potat plus aquam claram, nec ponit se in viridi ramo".

Refraneiro: Cando a ruliña rula colle o foliño e vai sementar
Cando a rula oias rular colle o liño/ millo e vai sementar


Meu/miña rul@/ruliñ@! expresión cariñosa galega



1 comentario:

mariajesusparadela dijo...

Pois xa oín rular á rula e ainda non sementei o millo...