miércoles, 31 de diciembre de 2008

O acivro



O acivro, (acibreiro, xardón, acebiño, acevo, acibeira, acivreiro, acibra, acibreira, cebro, escornacabras, rascacú, vellebrán, xando, xardeira), (Ilex aquifolium L.) é un arbusto de 2-5 m de altura (chegando o cultivado aos 20 m) que pode vivir moitísimo tempo, rexistrándose casos de até 300 anos. As follas son coriáceas coas beiras onduladas e espiñentas permanecendo todo o ano na planta sendo, polo tanto, perennifolia. É unha planta dioica: ten flores unisexuais, masculinas e femininas, en individuos distintos; sendo de cores brancas. O froito, de cor vermello, é unha boliña do tamaño dun chícharo con 3-4 sementes duras que madurece en outubro e permanece na planta durante varios meses. Certos animais, como a pita de monte (Tetrao urogallus), comen os seus froitos e expulsan as sementes cos excrementos logrando así a propagación da especie.

Na Galicia é unha árbore protexida, atópase sobre todo nas montañas do interior: Na serra de San Mamede; na serra dos Ancares; no Incio; no val do Lóuzara, no monte Oribio do concello de Samos; no Courel, sobre todo na Devesa da Rogueira. Atopamos acivros preto da costa como na fermosa fraga de Caaveiro ou mesmo os corpulentos especímenes da parroquia de Morgadáns (concello de Gondomar).

Os froitos son tóxicos para as persoas orixinando diarreas, convulsións e mesmo a morte en nenos e nenas. As follas teñen propiedades febrífugas, sudoríficas, diuréticas e laxantes. Segundo a medicina popular a cortiza do acivro, macerada en auga, axuda a curar a epilepsia.
A madeira, de cor claro e difícil de traballar, usouse, tinguida de negro, para substituír ao ébano. As pólas novas para mangos de cazolas e tamén para as aguilloadas, varas longas cunha punta de ferro no extremo usada para picar ou aguilloar aos bois, cabalos e outros animais e que aínda non hai moito tempo estaban a venda nas feiras do país.
Coa casca faise o visgo ou liga, produto gomoso empregado para cazar pequenos paxaros vivos( xílgaros, reiseñores,...).

Hai moitos anos usábase a póla do acivro para acadar o amor dunha moza. O ritual era o siguinte: Córtase unha póla de acivro a noite de San Xoán e pásase 13 veces por baixo das ondas do mar, rezando un credo de cada vez, e despois con ela tócase a moza elixida.

O feito de ter follas e froitos durante o inverno foi considerado como un símbolo da vida que aguanta o esmorecemento do resto da vexetación durante esa estación do ano. O costume de usar pólas de acivro no tempo do Nadal ven do moi antigo;os celtas, entre outros, na entrada do inverno, puñan nos seu cuartos pólas de acivro e para os romanos estaba asociado ás festas saturnais celebradas a finais de decembro na honra do deus da sementeira e da agricultura: Saturno.
Precisamente as pólas que teñen máis interese para a ornamentación son as de pés femias (as que teñen os froitos). Por outra banda, nas zonas boscosas de montaña e de cheo no inverno cando outro tipo de vexetación escasea, os froitos e follas do acivro constitúen o case o único alimento dunha importante comunidade de vertebrados (roedores, herbívoros e aves) como a pita de monte, corzo e tordo. A mesta follaxe da lugar a que a temperatura no interior dun acivro chegue a ser uns 4ºC superior á temperatura no exterior polo que serve de acubillo de moitos paxariños que escapan así das ventiscas e nevaradas e incluso tamén se esconden dos seus predadores naturais como o miñato (Búteo búteo) e o azor (Accipiter gentiles). Estudos feitos nos Ancares demostran que no cru inverno un 67% dos paxaros foron atopados vivindo nos acivros.

Unha antiga historia celta "O rei carballo e o rei acivro" que se representaba a comenzos do inverno conta como na rolda dos ciclos naturais, o rei acivro é dono e señor da parte escura e fría do ano e que toma o relevo de soberanía do rei carballo que gozou dos meses máis luminosos e cálidos"


1 comentario:

Paz Zeltia dijo...

unha recopilación interesante de datos sobre o acivro (eu chámolle tamén acibeira e acevo)
de pequena téñenme advertido moito sobre o veleno das suas baias, son tan atractivas para os nenos!
gústanme as árbores,
saber os seus nomes,
onde se dan, etc.
pero todos estes datos da acibeira, e un luxo!

(xa sei que temos ó google aí, e que só hai que pórse a buscar, pero ¿non che pasa que se vas por todo o que che xenera curiosidade non saes de internet en todo o día?.- hai que medirse, por iso agradezo moito atopar entradas nos blogues que leo a miudo nos que me entero de cousas que me interesan -malia que o meu blog sexa tan intimista que non se aprenda nada nel-)