lunes, 2 de febrero de 2009

O Arco da Vella

En galego coñécese con moitos nomes: Arco do Ceo, Barca da Vella, Arco das Novas, Arco das Mozas, Arco das Sete Cores, A Ponte Coloreada, Arco do Trono, Circo da Vella, Arco Iris, Seña, Gancho, Risco.
Din as lendas que en época de fame chega a secuestrar nenos e nenas, polo que cando se ve, é conveniente recitar: "Arco da vella, vaite de aí, que as nenas bonitas non son para ti".
IRIS na mitoloxía grega é a deusa do arco iris, filla do titán Taumante e de Electra, filla do titán Océano. Como mensaxeira do deus Zeus e da súa muller, Hera, Iris abandonou o Olimpo só para transmitir os divinos mandatos á humanidade, polo que se consideraba unha conselleira e unha guía. Viaxando á velocidade do vento, podía ir dun extremo ao outro da terra e tamén ao fondo do mar ou ás profundidades do submundo. Aínda que era irmá dos monstros alados, as harpías, Iris aparecía representada como unha fermosa moza, con ás e con roupa de cores brillantes e un halo de luz sobre a súa cabeza, atravesando o ceo cun arco de onde provén o termo arco iris que formaba o seu ronsel.
En algunhas culturas o arco da Vella é unha ponte, noutras unha serpe, un cinto, unha faixa, un acueducto que leva auga dos ríos ao mar. Para os mariñeiros é unha soga "Que o Arco da Vella me sirva de gravata se ..." Os barcos que pasan por baixo del quedan malfadados.
Quen é a Vella?. Na tradición galega quedan unhas pegadas dunha deusa asociada á lúa, rexedora do tempo e das colleitas, da que non se garda moita memoria. A Mari vasca aparece moitas veces con forma de Arco Iris.
Nalgúns lugares distinguen mesmo entre dous arcos e entre as cores que as compoñen: as máis escuras pertencen ás vellas, as máis claras, ás novas.
Arco das mozas, /cheo de pozas; /arco das vellas, /cheo de pedras.
Tamén se di que das súas cores a azul representa o diluvio de auga que fixo renacer o mundo e a vermella o diluvio de lume que o ha destruír.
Tamén se chama Seña porque Deus puxo o Arco despois do diluvio como sinal de alianza coa estirpe de Noé.
Segundo polo lado que se vexa e segundo a qué hora, pode anunciar o tempo: se é sobre o mar, bo tempo; sobre a terra, chuvia e neve; entre lusco e fusco, un amencer bo; no mediodía, chuvia todo o día; no ceo, boas novas; se se ve no poñente, mal tempo e se é ao raiar o sol, bo día.
Refráns do Arco da Vella:
Arco da Vella á mañanciña, prepara a capotiña
Arco da Vella ao raiante afala os bois para diante

Arco da Vella ao poñente, solta os bois e vente
Arco da Vella formado, nin bo tempo, nin malo


1 comentario:

rivela dijo...

Fermosa foto do arco da vella. Din no meu pobo que na base xusto onde empeza o arco está escondido un tesouro,¡agora so falla atopar o punto exacto! saudos.