miércoles, 8 de abril de 2009

Morocho


Morocho está enfadado, Khalil pórtase moi mal cando xogan, faille trampas e dálle moitos couces. El aínda que é máis alto non ten a axilidade do seu curmán.




Ola! chámanme Morocho, e son un cabalo hispano-árabe, nacín o mesmo día e a mesma noite que o meu curmán Khalil ( o 26 de xuño do 2005),pero eu sempre fun máis alto, iso é porque aínda que a miña nai Hadiga é irmá da súa nai Narda, é moito máis alta e o meu pai Lentisco, é de raza española e tamén é ben grande.
Os meus donos puxéronme Morocho despois de estar un tempo sen nome, non se puñan de acordo de como chamarme e como eu de pequeno tiña unha cor escura, pero non moi definida, empezáronme a chamar "morocho" e ao final quedoume ese nome.
A miña nai sempre foi moi boa comigo, deume de mamar ata os dezaoito meses e sempre se preocupo do que facía cando era pequeno, a verdade que algunhas veces era un pouco pesadiña, lembro cando fun por primeira vez ao prado con ela, colleume e fíxome andar arredor dos lindes do prado dúas veces para que eu vise ata onde podía chegar, ela vixiaba sempre e non deixaba que estivese lonxe do seu carón, a miña tía non se preocupaba tanto do meu curmán e deixábao facer o que el quería.
Hai veces que me porto un pouco mal, ultimamente collín o costume de ao chegar ao prado non esperar a que me saquen a cabezada e escapo correndo, por culpa disto tivéronme que castigar e agora lévanme cunha corda moi longa e unha cousa que me poñen, que non sei como se chama, pero que ao intentar escapar, faime dano e non podo seguir tirando, pois só manca cando tiro.
A primavera tenme un pouco nervioso só teño ganas de xogar co meu curmán e correr polo prado, aínda que o Khalil é un tramposo e como quere ganar sempre fai trampas e tírame ao chan e despois dáme patadas na cara, teño a cara chea de feridas das súas patadas; a min non me gusta pegarlle pero el é un bruto xogando.
A pesar de que teño o corpo tan grande eu sonvos moi medorento, téñolle medo ata aos gatos e cando a Mixa entra na miña corte a buscar ratos eu pásoo moi mal. Gústanme máis as mulleres que os homes, a verdade é que prefiro ir con elas ao prado e de paseo, poida que sexa porque elas déixanme facer máis transnadas e ademais van sempre contándome contos e falando comigo e se fago algo malo non me castigan.

No hay comentarios: