martes, 28 de abril de 2009

VIDA, AMOR, LITERATURA, SEXO, VIAXE, CINE.

Cabeza de medusa, por Rubens
Perseo coa cabeza de Medusa, por Cellini
Medusa de Caravaggio (Florencia, Uffizi).

O blog "La terapia de Rafaela" propúxome un desafío: Hai que escribir un conto, poesía, poema, unha definición, relato, que inclúan as palabras:VIDA, AMOR, LITERATURA, SEXO, VIAXE, CINE.

Era Medusa unha moza de espléndida fermosura, pero o máis admirable de todo o seu corpo eran os seus fermosos cabelos, sacerdotisa de Atenea, pasaba a súa VIDA no templo; un mal día cando o deus Poseidón pasaba por alí, viuna, e de seguido desexouna e violouna no mesmo templo da deusa, esta moi irada por tal aldraxe transformouna nun monstro, converteu os seus cabelos en repugnantes serpes, a súa cara daba medo e coa súa mirada convertía a todos en pedra.
A moza non tiña culpa de haber tido SEXO co deus, pero ela foi a que recibiu o castigo e agora nunca podería sentir AMOR por ninguén.
A súa historía aparece narrada na LITERATURA clásica greco-latina e nela inspiráronse pintores e escultores ao longo dos séculos.
Perseo fillo de Dánae e Zeus, fará unha longa VIAXE para conseguir a súa cabeza como trofeo e despois de recibir axuda, do seu pai Zeus, que lle pediu aos deuses Atenea e Hermes que lle botasen unha man. Hermes deulle unha fouce de aceiro coa que poder cortar a cabeza da Medusa, mentres que Atenea regaloulle un brillante escudo e aconsellouno sobre as tarefas que tería que realizar. Co fin de atopar o agocho de Medusa, Perseo foi en busca das Graias, tres vellas que só tiñan un mesmo ollo e un mesmo dente e que compartían pasándoos unha á outra. Perseo arrebatoullelos, obrigándoas a confesar onde estaba situada a residencia da Medusa a cambio de devolvérllelos.
No seu camiño, Perseo atopouse coas náiades, das que conseguiu un zurrón máxico, o casco de Hades, que permitía volver invisible ao que o levase posto, e unhas sandalias aladas. Coa axuda destes obxectos logrou introducirse na residencia da Gorgona. Usando o escudo como espello logrou cortar a cabeza da Medusa sen ter que mirala. Do sangue da Medusa naceu o cabalo alado Pegaso e tamén o xigante Crisaor.
Parte desta historia foi levada ao CINE e pódese ver en "Furia de titáns".


Segundo as normas eu tería que retar a outras seis persoas, pero como non sei a quen elixir e porque non quero pór a ninguén nun compromiso, deixo aquí o reto e que o realice quen teña a ben facelo.
Hai que escribir un conto, poesía, poema, una definición, relato, que inclúan as palabras:
VIDA, AMOR, LITERATURA, SEXO, VIAXE, CINE.
Pasalo a seis blogs.
Poñer link de tod@s e avisal@s no seu blog.


1 comentario:

mariajesusparadela dijo...

Ole pola resolución... (eu tampouco son que de comprometer a ninguén)