viernes, 26 de diciembre de 2008

Danae



























D
anae. Gustav Klimt

Danae era filla de Acrisio, rei de Argos e de Eurídice. Este rei soubo por un oráculo que o seu neto lle arrebataría o trono, polo que decidiu encerrar á súa única filla nunha torre de bronce co fin de que non chegase a coñecer a ningún home e impedir deste xeito chegar a ter unha descendencia que co tempo poría en perigo a súa vida.

Unha vez Xupiter/Zeus decatouse da beleza e os encantos da nova princesa prisioneira e decidiu posuíla. Para iso metamorfeouse en choiva de ouro e entrou na torre onde se atopaba Danae.
As razóns do seu cambio de forma habería que buscalas tanto no seu interese de non espertar as sospeitas da súa esposa Xuno/Hera, como no interese de poder burlar a vixilancia de Acrisio.
Tras as relacións de Zeus con Danae, esta queda embarazada e dá a luz a Perseo.
O rei de Argos, que non se cre a fecundación divina, manda que ambos sexan arroxados ao mar nun baúl. Finalmente arribarán na illa de Séfiros onde serán salvados e recollidos por Dictis, irmán do tirano Polidectes.
Algúns anos máis tarde, Polidectes, o rei, namorouse de Danae e quixo afastar a Perseo, que se convertera nun mozo moi valeroso . Durante un banquete e recorrendo ao engano, conseguiu facerlle prometer que traería a cabeza dunha das tres gorgonas, Medusa, un monstro con cabelos de serpe e un rostro tan aterrador que convertía en pedra a todo aquel que se atrevía a miralo, tarefa que se consideraba imposible.
Partiu, Perseo, á aventura e grazas á súa astucia arrebatoulles ás parcas o seu único ollo e así conseguiu que lle indicasen o camiño cara ás ninfas, as cales lle deron unhas sandalias aladas, un zurrón e o casco de Hades, que facía do seu portador invisible e Atenea agasallouno cun escudo máxico para que non tivese que mirar directamente ao monstro, para rematar, Hermes proporcionoulle unha afiada fouce de aceiro para cortar a cabeza. Cando chegou á morada das gorgonas, estas estaban durmidas, así que aproveitou e cortou a cabeza da que era mortal e fuxiu co casco que o facía invisible. Finalmente, o mozo regresou ao ano seguinte a Séfiros logo de diversas aventuras, xusto a tempo de rescatar a Dánae e a Dictis que estaban refuxiados nun templo fuxindo de Polidectes, polo que lle ensinou a este a cabeza de Medusa petrificándoo, seguidamente ao decatarse que Dictis defendera a Danae dos continuos ataques de Polidectes, converteuno en rei de Séfiros.
Pero antes de chegar a Séfiros, cando viña de volta, voando grazas ás súas sandalias aladas, viu a Andrómeda (encadeada a unhas rochas, espida) e namorouse dela. Baixou á praia a falar con Cefeo e Casiopea para pedir a súa man se a libraba do monstro mariño. Os pais aceptaron de mala gana. Perseo loitou co monstro mariño, matouno e usou a cabeza de Medusa (que convertía en pedra a quen a miraba) para petrificar ao animal e convertelo en coral. Despois desatou a Andrómeda pero Casiopea negouse a cumprir a súa promesa, porque xa lle prometera a súa man ao príncipe Axenor. Perseo loitou contra el e o seu séquito e logo de matar a moitos viuse obrigado a usar a cabeza de Medusa e petrificou aos que quedaban. Andrómeda casou felizmente con Perseo.
Dánae acompañou a Perseo e á súa prometida Andrómeda ata Argos, pero Acrisio temendo o seu tráxico destino fuxiu a Tesalia á cidade de Larisa situada no país dos pelasgos. Perseo levado polo seu desexo de coñecer ao seu avó, foi buscalo e así ambos se atoparon nos xogos organizados polo rei do país, onde Acrisio ía como espectador e Perseo como participante. Durante unhas probas, un disco lanzado por Perseo matou ao rei por accidente. Ao saber a identidade da vítima rendeulle honras fúnebres ao seu avó e como non ousaba reclamar o trono de Argos tras o sucedido cambiouno polo trono de Tirinto cun curmán de Danae.

1 comentario:

zeltia dijo...

Mira tí que agochadiñas tes por aquí as historias mitolóxicas...