lunes, 22 de diciembre de 2008

O apalpador



NOITE DO APALPADOR
Xurxo Valcarlcel

Esta noite feiticeira,
loguiño de te durmir,
entre a neve silandeira
o Apalpador ha de vir.

Baixará dende a Rogueira,
devesa moi misteriosa,
onde habitan a bidueira
e a faia máis preciosa.

Por Campelo pasará,
por Mostaz e por Moreda,
en Esperante estará,
e tamén irá a Noceda.

Por Pacios, por Mercurín,
por Folgoso e A Seara...
como non, Ferramulín,
igual verá a súa cara.

Cubrirao a nevarada,
a boina branca terá,
e a toda casa abrigada
a sorpresa levará.

O carboeiro imponente
moitos traballiños ten,
palpar barrigas da xente
e facer carbón moi ben.

Os rueiros serán seus
na xeada escuridade,
entrará en casa dos teus
coa súa inmensa bondade.

Irá polo corredor
sen facer ningún ruído,
retirará o cobertor
por ver quen está durmido.

Sexas neno ou rapariga,
durante a noite cumprida,
tocarache na barriga
e verá que está mantida.

E con agarimo fondo,
dende o seu corazón puro,
pedirá con falar dondo
que non teñas porvir duro.

E ó acordares co abrente
sentirás un arrecendo,
de castañas, seu presente,
que poderás ir comendo.

Non busques logo a compaña
de quen che quere mantenza,
pois xa estará na montaña
na cabana da fervenza.

Sempre alí con Novoneyra,
o cantor dos tesos cumes,
sentados xunto a lareira
quecendo con moi bos lumes.

Isto foi publicado na Voz de Galicia o 3/12/2008

Unha figura con posibles raíces precristiás e con parentes no País Vasco e Cantabria
A figura do Apalpador, pouco estudada ata hoxe polos investigadores do folclore galego, parece presentar moita similitude con outros personaxes tradicionais das festas do Nadal do norte da Península, como o coñecido Olentzero do País Vasco e o Esteru, presente nas lendas de Cantabria e da zona oriental de Asturias. Estes personaxes son, respectivamente, un carboeiro e un leñador que viven habitualmente no monte e levan agasallos aos nenos ao finalizar o ano.
As orixes destas tradicións están pouco claras, pero a maioría dos investigadores coinciden en relacionalas coas antigas festividades agrarias do solsticio de inverno. Segundo este criterio, estes personaxes serían supervivencias de crenzas relixiosas anteriores á implantación do cristianismo e virían a simbolizar o renacemento anual do sol e do seu poder benéfico sobre o mundo natural e a sociedade humana. No seu estudo sobre o Apalpador, José André López opina que este personaxe é «anunciador da fartura, da protección, da alianza coa boa fortuna». Tradicións similares, segundo cren moitos expertos, deron orixe a outros personaxes típicos do Nadal divulgados por toda Europa, como San Nicolao ou Papá Noel.
A diferenza destas figuras ou do Olentzero -un personaxe ben implantando na moderna cultura urbana do País Vasco-, o mito do Apalpador ficou circunscrito a algunhas poboacións da montaña lucense, onde só o recordan hoxe algunhas persoas.

6 comentarios:

mariajesusparadela dijo...

Pois é certo. Mira que eu teño anos e me encantan as lendas e teño por ti a primeira noticia da existencia do apalpador. Sobre Olentzero escribiu Ana "la eterna ilusa" no seu blog, non hai moito.

Tere dijo...

FELIZ NAVIDAD Y FELICES FIESTAS.Un abrazo.

Tere dijo...

Este año he descubierto dos personajes interesantes y nuestros,Olentzero y Apalpador.Gracias

Juan Antonio dijo...

¡¡Querida amiga!!
Que este Nadal e o próximo Ano Novo atópense rodeados dos seus seres queridos!!
¡Felicidades nestas Festas!... co desexo de que esta Noite de Paz sexa tan só o comezo dun Ano pleno de éxitos! Moitas son as ilusións da miña vida, pero a máis linda é que coas nosas mellores intencións, cheguen os nosos sinceros desexos dun venturoso e próspero Ano Novo. ¡Que a celebración destas Festas sexan o comezo dunha vida mellor!
¡Moitas Felicidades!

Que sexa unha festa chea de dita para ti e os teus familiares"

banderas dijo...

Pois anótame no grupo dos que descoñecía esta figura que, polos topónimos que usa, sí que se circunscribe á montaña lucense.

Do Olentzeró sí que sabía (de feito cando estiven en Donosti o mes pasado trouxenlles aos nenos dous figuriñas de chiculate con este persoaxe tan peculiar) polas miñas breves estadías en Esukadi.

Interesante artigo.

Bó Nadal ;-)

O Apalpador dijo...

Este ano veño dende O Caurel a traervos un simpático vídeo cunha canción e un baile para darme a coñecer entre @s máis pequen@s http://youtu.be/JmAfI4ucKJc

Ademáis podedes descargar a canción de balde e atopar máis recursos para a aula na web www.oapalpador.tk


Boas festas!