miércoles, 17 de diciembre de 2008

Seres fantásticos galegos

As Mouras: Son mulleres belísimas e encantadas que viven nos fontes, castros e penedos. Unha destas mouras é Ana Manana.
Esta moura vive nuha fonte que leva o seu nome, nuns penedos próximos ao Pozo Meimón, no río Miño, moi preto da cidade de Ourense. Sábese que é fermosísima e viste de branco.
Contan que un galego que voltaba da sega en Castela topou no camiño cun señor moi ben vestido, que lle preguntou de onde era e se sabía do Pozo Meimón. O labrego respondeu que si, e entón o señor díxolle:
- Ti queres ser rico?
- Home!
- Pois entón vas onda o Maimón, achégaste a fonte que está a carón e berras tres veces: Ana Manana!. Á terceira sairá unha señora moi fermosa e dáslle este queixo que che dou. Fixate que ten catro cornos. Ela hacho de agradecer facéndote rico. Pero coida de non llo contar a ninguén, e aínda menos a túa muller.
-Ai, ho! Iso está feito!
O labrego atou o queixo nun pano e seguiu camiño mentres lle daba á cabeza botando as contas da leiteira. Antes de ir ao Meimón, como levaba tanto tempo fóra da casa, pasou a ver a súa muller; ao ver esta o paquete que levaba nas mans, díxolle :
-Vai, home, tráesme un galano!
- Non muller. Isto é un encargo que me fixeron. Non se che ocorra tocalo.
- E non podo velo?
-Non
- E para min non hai nada?
-Polo de agora non. Ti non toques o paquete e xa verás cando volva de facer o encargo. Non che ha pesar.
Nun descoido a muller abriu o pano, viu o queixo, gorentoulle, e rebandoulle un corno. Logo envolveuno e deixouno onde estaba. O home, sen saber, colleu o queixo e marchou cara ao Maimón. Chegou a fonte e berrou:
-Ana Manana! Ana Manana! Ana Manana!
Saiu a moura, belísima pero moi irada:
-Que queres?
-Traioche este paquete
-A ver!. Que fixeches?. Non che dixeron que non lle tocaras? -dixo ao ver o queixo sen un corno. Pousou o queixo no chan e este volveuse un cabalo, pero coxo, faltáballe unha pata.
- Agora non podes desencantarme. Este é o cabalo no que ía marchar e mira como está. Perdiches as riquezas coas que ía agasallarte. Vaite para a casa e lévalle á túa muller esta faixa, e o único que che podo dar. Cando estea para parir poslla.
A dama e o cabalo desapareceron pola boca da fonte. O home colleu a faixa e marchou pero ocorréuselle ver que tal lle quedaría a faixa a súa muller e púxoa a redor do tronco dunha sobreira, entón unha labarada queimou faixa e sobreira.
Existe unha clara relación de Ana Manana con Ana, Dana ou Diana, deusa das augas e das fontes e do outro mundo, a quen están dedicados o río Ana (ou sexa Guadiana) a Lagoa de Anna (Albufera de Valencia), o Coto de Doñana, os ríos D`nieper, D`niester, Don, Danubio, etc. É a mesma que a Anna Purna india e Anna Perenna romana. Foi cristianizada como Santa Ana (?). Trátase con toda evidencia da mesma figura que "as xanas" asturianas e "as anjanas" cántabras.
Dicionario dos seres Míticos Galegos. Editorial Xerais

No hay comentarios: