miércoles, 14 de enero de 2009

Aracne


No libro VI da Metamorfose, Ovidio cóntanos o mito de Aracne "araña". O pai de Aracne foi Idmon "clarividente" e aínda que nacera nunha casa humilde en Hipepas (cidade de Lidia), a moza tecía vestidos moi fermosos e moi elegantes e as Ninfas ían contemplar o seu traballo; manexaba con tanta arte o fuso e a agulla que se vía ben que a mesma Palas fora a sua mestra, pero ela negábao e dicía: que compita comigo, se me vence entón aceptareino.
Entón Palas tomou a figura dunha vella e dixo: Non é despreciable todo o que trae a idade avanzada, cos anos vén a experiencia. Non desprecies os consellos, aspira a unha gloria que entre os mortais sexa a máxima no traballo da la, pero declárate inferior á deusa e pide perdón polas túas pretensións. Se llo pides ela darache o perdón.
Aracne míraa ferozmente, abandoa o seu traballo e co semblante enfurecido contesta: Vés privada de intelixencia e esgotada pola vellez, vivir demasiado daña moito; ese consello dállo a túa nora e se non a tes a túa filla, pero eu non o necesito, a miña actitude segue a ser a mesma. Por que non vén a deusa en persoa?. Por que se nega a esta competición?.
Entón a deusa dixo: Xa veu, e apartando a figura de vella mostrouse como Palas. Ao vela as Ninfas adoran a súa figura o mesmo que as mulleres que alí estaban, Aracne é a única que non se asusta e persiste na súa decisión.
Colocan en sitios distintos e preparan os teares, as dúas comezan a traballar con destreza. No tapiz da deusa, maxicamente bordado víanse os doce deuses principais do Olimpo en toda a súa grandeza e maxestade. Ademais, para advertir á rapariga, mostrou catro episodios exemplificando as terribles derrotas que sufrían os humanos que desafiaban aos deuses.
Pola súa banda, Aracne representou os amoríos deshonrosos dos deuses, como o de Zeus e Europa, Zeus e Dánae, entre moitos máis. A obra era perfecta, pero Palas encolerizada polo insulto feito aos deuses, tomou a súa lanza, rompeu o marabilloso tapiz e deulle un golpe á moza. Esta sen comprender, séntese totalmente humillada e deshonrada, e ten a coraxe de atarse ao pescozo un lazo, xa colgaba da corda cando a deusa compadecida suxeitouna e díxolle: Vive pero colga e esta sentenza sexa para ti e a túa linaxe. Despois regouna cos zumes dunha herba de Hécate e inmediatamente todo o seu corpo se converteu nunha araña.



3 comentarios:

Rita dijo...

Gracias por tu visita a mi blog, gracias por seguirme, estoy encantada de recibirte y es un honor para mi. No te olvides de la cita que tenemos todos los bloggueros el dia 30. Para más información pasate por mi blog. Un beso

mariajesusparadela dijo...

Palas é xenerosa conmigo: teño a casa che das preciosas teas da súa rival.
Do que non teñan falado gregos e románs en literatura é que non ten importancia. Esa marabillosa humanización dos deuses é o que fai que cada un dos humáns, coas nosas taras, sexa un deus...

Dilaida dijo...

Rita si que lembro a cita xa estiven no teu blog. Grazas por lembrarmo.


Chus que razón tes, dende aquela Aracne non para nunca, pero unha casa rural sin teas non é tal. Non si?