jueves, 15 de enero de 2009

Xacinto




Xacinto era un mozo oriúndo de Laconia, cuxa principal cidade era Esparta, fillo de Amiclas. Era guapo a rabiar, tanto que o deus Apolo namorouse perdidamente del. Apolo non se resistiu aos seus encantos e frecuentaba a súa compaña sempre que podía, tañendo a súa lira. Eran expertos ambos en conversacións e xogos, e así, entre bicos, alumiños e garatuxas diversas, transcorría o tempo; tan prendido estaba o deus do mortal. Nun destes momentos -onde as súas risas e esforzos enchían toda Lacedemonia- ocorreu a desgraza. Choros tan amargos non se escoitarían ata moito tempo despois. Xogaban os dous ao disco. Era a quenda de Febo(Apolo) e a competición acalorouse tanto como cando buscaban un o corpo do outro. Realizou entón un tiro fortísimo, con tal potencia que subindo este tan alto, tropezou con diversas nubes e elementos, e foi desviado do seu correcto camiño. Xacinto non quería ser menos que o deus e buscou a recepción con encomiable afán. Pero quixo o destino que o disco lanzado con tanta vehemencia golpease mortalmente ao fermoso rapaz. Nuns emotivos versos explícanos Ovidio na súa Metamorfose a angustia e a dor que neses momentos sentiu Apolo. Expresa primeiro a súa incredulidade, como axitou as súas mans en busca do máis mínimo hálito de vida. Vendo que non respondía, intenta custe o que custe aplicar os seus amplos coñecementos sanadores con ímprobo esforzo, ora reanímao enxugando as feridas, ora intenta pechar a fuxidiza vida que sente escaparse, deslizarse polos seus divinos dedos, ora aplícalle diversas plantas na profunda e mortal ferida. Todo é pouco. Un sentimento de culpa empeza a nacer no deus, séntese responsable desta morte, sente a perda da beleza no seu momento máis álxido, na mocidade. E canta, e coa súa lira e coa súa voz compón belos panexíricos nacidos da dor que supón a perda do ser amado. Díxolle entre outras cousas:(Te lyra pulsa manu, te carmina nostra sonabunt, floresque novus scripto gemitus imitabere nostros. Tempus et illud erit, quo se fortissimus heros addat in hunc florem folioque legatur eodem) "A ti proclamarate a lira a través das miñas mans, para ti as miñas cancións e novas flores no teu escrito, imitarán os meus lamentos. E chegará un tempo en que o máis valente dos heroes adscribirase a esta flor e será lido nos mesmos pétalos". Pero xa non o oe, o seu sangue cae no chan e, mesturándose coa terra, xermina o campo. Ao momento,alargadas flores púrpuras xorden, son similares aos lirios. Apolo, que o ve, séntese compracido, mais non é suficiente, nos pétalos escribe os seus lamentos "Ai, ai". A partir de entón os duros espartanos tivérono moi presente, e cada ano recordábano nas festas chamadas Xacintias, onde as flores eran protagonistas. E a partir de entón pódense contemplar nos extensos terreos floridos certas belezas que nacen erguidas sobre firmes talos. Se nos achegamos poderemos discernir certas marcas, algo así como "AI AI". Somos libres de imaxinar que efectivamente son os queixumes dun deus pola perdida do seu amante, dun fermoso e novo hyákinthos

4 comentarios:

mariajesusparadela dijo...

E, logo, ven Lorca e dí:
"En las últimas esquinas toqué tus pechos dormidos, que se me abrieron de pronto como ramos de jacintos" e eu, inocente de min, impresionada polos versos, coma hoxe me impresioa a túa narración mitolóxica, comprei xacintos e sementeinos. Nunca tal fixera: quedei absolutamente decepcionada.

Dilaida dijo...

Que marabilla de comentario!
Grazas

mariajesusparadela dijo...

Ogallá fora eu capaz de reflexar a maravilla do que ti me fas sentir con teus pots.

mariajesusparadela dijo...

marabilla, cos. (autocorrección inevitable)