lunes, 26 de enero de 2009

Sabugueiro, bieiteiro, bieito, biouteiro, sabugo...





Pódese ver nas proximidades das casas e no horto e poucas plantas gozan dun maior respecto e estima por parte dos seres humanos.

Desde o Neolítico cultívase e úsase con fins medicinais e desde aquela existe unha amizade estreita entre o home e o sabugueiro, que só pode desfacerse tras a perda da memoria humana.


O sabugueiro mellora a terra; acelera a descomposición da materia orgánica, actúa como un fermento do material que está á súa sombra, as súas raíces segregan unhas sustancias chamadas auxinas que benefician a vida vexetal.


Proporciona alimento e remedio medicinal para os seres humanos e animais; antiinflamatorio, contra arrefriados e gripes, diurético, sudorífico, depurativo, purgante e antirreumático...


Pódense consumir as flores cocidas, rebozadas e fritas. Os seus froitos en confitura.


A súa vitalidade é incrible, ten unhas raíces moi poderosas que lle permiten rexenerarse rapidamente, os paxaros ao comer os seus froitos propagan as súas sementes cos seus excrementos. Nunca resulta unha praga aínda que unha vez instalado sobrevive custe o que custe, pero nunca forma bosques porque é moi exixente á hora de elixir un lugar; case sempre busca a compañía humana, ou quizais sería máis exacto dicir que gusta dos mesmos lugares que os seres humanos.


É unha árbore nativa de Europa e do norte da África e estendeuse facilmente por todo o mundo, sendo obxecto de moitas lendas, folclore e supersticións.Di a lenda que da súa madeira foi feita a Cruz onde Cristo morreu. Iso porque ao espremer o froito do Sabugueiro solta un zume vermello-sangue.


É ben coñecida a facilidade coa que se saca a medula das pólas, propiedade pola que se fixeron con este material oco, canotos de tecelá ou chifros para os rapaces.


Coas súas varas combátese o mal de ollo, tanto nas persoas como no gando; tamén na noite de San Xoán déixanse as flores ó relento para que collan orballo, e así adquiren propiedades medicinais, a auga da folla de sabugueiro é o mellor para quitar os tirizós dos ollos.Tamén se colocan as súas pólas en portas e fiestras para protexer as casas de bruxas, malos espíritos e ladróns.Os froitos utilizábanse para colorear e aromatizar o viño. O antigo costume de facer as vasoiras do forno con ramallos verdes de sabugueiro pode estar relacionado con estes especiais atributos.


En moitas zonas de Galicia chámanlle bieiteiro a esta árbore, dato que xa recollera Sarmiento, "Bieyteyro, voz común en Galicia para significar el sabugueyro, y bieyteyras a las viejas que con esos palos hacen curas".


Nos países eslavos e bálticos, o sabugueiro era morada de Puschkayt, deidade da terra a quen se ofrenda alimentos colocándoos na base do arbusto á tardiña. Na Europa meridional, a planta é morada dunha nai anciá chamada Holda, que era a deusa da morte e da fertilidade. As mulleres bailaban na súa honra durante a festa da Candelaria, en febreiro, levando pólas de sabugueiro, golpeando con elas a calquera home que se achegase ao lugar do baile. Destruír un sabugueiro provocaba a agonía da súa deusa e para previr que esta se vingase das feridas da súa planta, sempre se lle pedían permiso antes de cortar algunha póla.


Collida a véspera de San Xoán, a planta servía de profiláctico contra as tormentas, os ladróns, os malos espíritos e a maxia. Untando os ollos coa cortiza interna ou queimando a medula flotando nun vaso de auga en Noiteboa permitía descubrir ás bruxas e aos magos que houbese nas proximidades.


As follas queimadas empréganse como insecticida e a infusión das follas como repelente de mosquitos e, esparexida sobre as plantas protéxense de pulgóns e eirugas.


En Alemaña adoitábanse facer cadaleitos de sabugueiro, e na tumba colocábanse cruces de madeira desta árbore ou grilandas da planta.

Nas tradicións xermánica e anglosaxona atrae divindades e entidades benéficas. Din que estaba asociado á deusa da fertilidade e que por iso as súas pólas se usaban como paos de galiñeiro para mellorar a posta de ovos(isto tamén o facía a miña avoa, puña paos de sabugueiro para que durmisen as galiñas).


Afirman que desde tempos inmemoriais esta especie serviu de acubillo e fogar favorito dos elfos que protexen a súa árbore. "Ante o sabugueiro hai que quitarse o sombreiro", di un adaxio alemán. No norte de Inglaterra e no Tirol, pólas de sabugueiro recortábanse en forma de cruz e plantábanse nas tumbas recentes.


A madeira de sabugueiro seca é moi valorada polos artesáns, e o seu nome latino pode provir do grego sambuke, un arpa realizada con esta madeira. Non se utilizaba para facer berces, por se o espírito da árbore prexudicaba ao neno.


Os froitos verdes e a semente teñen certa toxicidade, do mesmo xeito que a cortiza e as follas.

Xarope de flores de sabugueiro (da revista "Essen und Trinken Für Jeden Tag") Ingredientes (para dous litros, aprox.)
25 flores de sabugueiro
1 quilo de azucre
1 litro de auga
25 gramos de ácido cítrico (un limón)
unha laranxa
un limón
Elaboración: Cócese a auga, o ácido cítrico e o azucre ata obter un almíbar. Mentres, pártense en cachos o limón e a laranxa e mergúllanse as flores en auga para limpalas de pequenos insectos e outras impurezas. Póñense as laranxas e os limóns en recipientes con suficiente capacidade. Engádense as flores e o almíbar. Tápase e déixase repousar durante tres días, removendo de cando en vez. Unha vez pasado este tempo, cóase a mestura e vólvese a cocer. Ponse (en quente) en botellas que pechen ben. Dura ata un ano (aprox). Pódese usar en refrescos, ou para aderezar sobremesas, iogures, salsas...

Na obra de Manuel Durruti "Froitos silvestres comestibles e velenosos" Ed. Everest móstranos a seguinte receita de Sopa de saúco.
800 gr. de froitos de sabugueiro, azucre, 3 mazás e fariña.

As bagas cócense na menor auga posible. Unha vez cocidas engádese auga ata obter o sabor desexado. Fíltrase, engádeselle azucre e férvese a fogo lento, removendo. Engádense as mazás en anacos . Déixase uns minutos ata que a mazá estea entrecocida. Retírase do lume e engádese removendo a fariña ata obter a consistencia desexada.

As flores de sabugueiro pódense empanar.
Na obra "Plantas medicinais, bagas e verduras silvestres" de Grau/Jung/Münker ed. Blume, temos a seguinte receita: "Prepárase unha pasta de fariña, ovos, manteiga quente, auga, un pouco de mel e un belisco de sal, que non resulte demasiado espesa. Nela mergúllanse as flores colléndoas polo pedúnculo, que non se cortou.

A continuación frítense en aceite ata que estean douradas e sérvense quentes, acompañadas de compota. Para a pasta, tómanse 3 ovos para 125 gr. de fariña. Os gourmets engaden á pasta 2 ó 3 culleradas de viño."


2 comentarios:

rivela dijo...

Cantas cousas sobre un arbusto tan comun na nosa terra.Cando volte ver algún mirareino con outros ollos.
Saudos

Dilaida dijo...

Poca xente lle da valor, eu teño plantado un no xardín. É unha árbore que aprecio moito, cando era meniña, eu sempre me espertaba polas mañás coas palpebras pegadas e a miña avoa lavábame os ollos con auga onde a noite anterior puxera flores de sabugueiro e pódoche asegurar que me era moi boa.
A moita xente non lle gusta porque a aroma que dá e moi particular.