jueves, 26 de febrero de 2009

A peor cara da dereita

Imaxinemos que se publican fotos de Manuel Fraga ou de Alberto Núñez Feijóo, os dous últimos candidatos do PP á presidencia da Xunta, a bordo do barco do segundo empresario máis importante de Galicia. Imaxinemos tamén que don Manuel sobe ao Xarey tras cruzar o porto de Sanxenxo, á vista de todo o mundo. Seguramente diriamos todos -os que vemos as fotos e os que estaban asomados ás varandas do porto- que os poderes económicos e políticos, en definitiva, as persoas de orde, saben entenderse e respectarse. Como máximo, os máis retranqueiros, lembrarían aquilo de cada cal ten o seu igual ou cada ovella coa súa parella.

Agora imaxinemos que quen cruza o mesmo porto e se sobe ao elegante Xarey é o presidente socialista Emilio Pérez Touriño. Aí a cousa seguiría estando ben pero xa empezaría a cambiar. Non faltaría quen se preguntase que fará o líder dos socialistas galegos cun gran empresario e de que falarían persoas ás que os tópicos asígnanlles roles sociais tan preconcibidos como falsos. Pero, bo, sería unha imaxe tolerable, xa que o PSOE parece cada día máis un partido de orde e non aquel partido dirixido por uns mozos con pantalóns de pana e camisas de cadros.

Sigamos imaxinando. E vexamos agora cruzando o porto de Sanxenxo a un rapaz de Allariz, coñecido por Quin, que dirixe un partido nacionalista e de Galicia, e que chegou a ser vicepresidente do seu país, aliado cun socialista. De entrada habería xente que se puxese a comprobar se levaba a roupa mariñeira adecuada ás circunstancias pero, sobre todo, habería xente que non dese crédito á estampa. A que gran empresario galego se lle ocorre recibir no seu barco a un do Bloque, un deses políticos novos que nos queren converter Galicia nunha nación como Cataluña ou Euskadi?

Como Jacinto Rey non vai poder dimitir de si mesmo, Anxo Quintana debería facelo antes do domingo; non vaia ser que os galegos non se crean as mentiras da dereita, voten e perda o PP, con todo o que iso supón para a xente de orde, que é, en definitiva, a que debe subirse aos iates e non eses do Bloque, que nin falan castelán e non queren que as multinacionais se fagan cos recursos de Galicia.

Se me dis que foi o número un do PP pola Coruña -ou mellor, La Coruña- ao Xarey, pois, bo, iso está ben. En definitiva, Carlos Negreira está afeito a porse náuticos e sabe levar o xersei polos ombreiros, co estilo propio da xente fina. Agora, non me digas que se subiu ao barco Xosé Manuel Beiras cos seus rizos ao vento. E non porque neste caso non sexa unha persoa elegante, senón porque non vaia ser que se lle enreden. Os do Bloque está ben que vaian ás tabernas das aldeas e aos bares dos barrios; ata a algún concerto de violín, pero non aos veleiros de luxo, con empresarios.

Chega o 1-M e non deixa de ser un bo momento para que este país esperte. En liberdade.

José Luis Gómez periodista de Xornal.com




1 comentario:

Una dijo...

No puedo recordar si alguna vez el PP tuvo buena cara ¿En la primera legislatura de Aznar cuando tuvo que pactar y aparentar tolerancia?
En Baleares sabemos lo que es la mala cara del PP,lo notan hasta las cuentas.
Un abrazo