miércoles, 25 de febrero de 2009

A Vaca


Por mero accidente escornouse a vacua verba
contra a boca vacúa da atávica vaca,
o telúrico teto
que aleitou o alento ancestral
do noso sangue.
A vaca mesma, a vaca real,
a auténtica vaca,
a propia vaca, a vaca en si,
a vaca xénero e especie e individuo,
a vaca alindada
de lindo nome,
a épica vaca
de homéricos ollos,
a bucólica vaca
das humildes bocas
está morrendo na corte
esa mañá de domingo.
Sen vaca non habería verbo,
nin berce, nin verso
(os sucos do arado trazounos a vaca)
In articulo mortis faise evidente
que a vaca é entre todos o artigo primordial.
A vaca xunguida, a conxunción de todos;
a vaca no prado, o suxeito pacente;
o destino da vaca suxeito á xente.
E doe o seu refolgo substantivo
na hipotáctica corte
e resoa no sobrado e na eira adxectiva
a agonía adverbial da vaca,
o animal moribundo
morrendo nos pronomes
(e na memoria destes
os anos da fame).
Por iso non foramos á misa, porque a vaca morrera na corte tras unha fantasmal agonía na noite hiperbólica.
E o predicador (son moitos os que lembran aínda hoxe o caso) botara prestes (un dicir) pola boca contra aquela familia de ateos
Gonzalo Navaza: Libra, 2000.

A vaca é o símbolo da paz.

Vale máis o que significa unha vaca que o que simboliza un león rampante. Xa o dixo un dos nosos economistas: ” A árbore xenealóxica dunha vaca de leite é máis útil que a árbore xenealoxíca dun aristócrata”.

A vaca esquenceuse dos cornos e dános o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seus fillos. Non pode darnos máis.

A vaca é o amparo dos pobres libres.

Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os “concursos de Belleza”.

A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila.

Se non fose polo leite das vacas a piolleira das cidades morrería desnutrida.A vaca é a ama de cría da Humanidade.

O día que nós emitamos papel-moeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparíamos somentes, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuida.

O día que Galiza sexa unha comunidade cooperativa ergueremos un gran movemento cunha vaca de bronce dourado.

Tamén hai razas de vacas, e a mellor é a nosa.

O día que saibamos o que vale unha vaca, Galiza quedará redimida.

A. Daniel Rodríguez Castelao

4 comentarios:

mariajesusparadela dijo...

Tamén Castelao ten un debuxo onde se ve, dunlado a uns urbanitas chorando a morte dun can e de outro a uns aldeáns chorando a morte de unha vaca.
Solo non hai nengún debuxo dos que sabemos chora polo can e pola vaca ¿non si?.

Dilaida dijo...

Non sei por que, pero a Castelao os cans non lle debían caer moi ben, a raíz do teu comentario estiven revisando os seus debuxos e a verdade é que non encontrei ningún onde enxalce o can.
O can forma parte da vida dos labregos galegos, era o que se encargaba de axudar a cuidar o gando e o que acompañaba o dono a todas partes.

rivela dijo...

Canto significaba a vaca para os labregos!!!. No meu pobo houbo unha época onde as vacas eran "de a medias", é dicir, os ricos compraban as vacas e os veciños do pobo eran quen as coidaban e muxian, e a cambio dáballe o que estipularan, unha cantidade le leite, de patacas...etc.

Tere dijo...

Acabo de ver en el Telediario de la Segunda cadena de TVE un concurso de miss vaca,¡qué curioso!.
Cuanta razón tienes,es generosa la vaca .
En mi pueblo también había pastores y cabreros que cuidaban los animales de otros,también rentaban las tierras.
Un abrazo