lunes, 16 de marzo de 2009

O Xabaríl de Calidón



Artemisa debe de estar moi cabreada comigo nos últimos tempos, pois non soltou un, senón que deben de ser centos os xabaris que andan polos prados onde pastan os meus cabalos. Khalil e Morocho van ao prado correr e xogar, porque de noite o porco bravo non lles deixa nada que comer.




Recen nacido Meleagro, príncipe de Calidón, as tres Parcas predixeron que a vida do neno duraría tanto como un tronco de árbore que estaba ardendo na cheminea. Entón Altea, nai de Meleagro, sacou o tronco do lume, apagouno e gardouno nun lugar secreto do seu palacío.
Meleagro creceu forte e san e chegou a ser o mellor lanceiro de Grecia.

Xabaril de Calidón

Un ano que houbo unha gran colleita Eneo, rei de Calidón e pai de Meleagro, ofreceu un sacrificio aos deuses para darlles as grazas pola próspera colleita pero esqueceu homenaxear á deusa Artemisa/ Diana que se sentiu desprezada e para vingarse enviou un enorme xabaril aos campos de Calidón que arrasou os campos de trigo, esnaquizou as parras e as oliveiras, matou os rabaños e atemorizou aos granxeiros que fuxiron a refuxiarse tras os muros da cidade.
O rei Eneo mandou heraldos pedindo axuda. Acudiron valentes cazadores de todos os recunchos de Grecia desexosos de ter a honra de matar ao xabaril e quedar coa súa pel como trofeo. Os participantes na cacería foron numerosos, ademais de Meleagro chegaron heroes de toda Grecia como Xasón, Anceo, Ificles (irmán xemelgo de Heracles), o veloz Idas, Linceo, Néstor, Anfiarao, dous centauros, Leucipo, Acasto gran lanzador de xavelina, Plexipo e Toxeo tíos de Meleagro, Teseo (o vencedor do Minotauro), Piritoo amigo de Teseo, Peleo (esposo de Tetis, deusa do mar) e moitos máis valentes cazadores. Tamén se presentou unha moza, de gran beleza, armada con arco e frechas, chamábase Atalanta "a dos áxiles pés"
Atalanta era filla de Esceneo, rei de Arcadia. Nada máis nacer o seu pai, desilusionado porque quería un fillo, abandonouna no cume dunha montaña para que morrese. Pero a deusa Artemisa/Diana envioulle unha osa que a alimentou e a coidou. Atalanta converteuse así na filla adoptiva de Artemisa/ Diana e fixo a promesa de que nunca casaría. Chegou a ser unha gran cazadora e a corredora máis rápida do mundo.

A cacería do xabaril de Calidón

Antes de empezar a cacería Anceo dixo: Négome a cazar cunha muller, non debemos deixar que participe.
Meleagro, que se namorou de Atalanta nada máis vela, obrigouno a calar.
Cando soaron os cornos, anunciando o comezo da cacería, todos os heroes penetráron nun bosque de espesa arboreda no que se refuxiou o xabaril.
Os dous centauros apostáronse a ver cal dos dous sería o primeiro en bicar a Atalanta. Cando o intentaron ela matounos aos dous coas súas frechas e seguiu camiñando tan tranquila.
Linceo viu ao xabaril preto dun regueiro e avisou aos demais. O xabaril ao verse acurralado embestiu e matou a tres dos cazadores. Néstor salvouse subíndose a unha árbore. O heroe Teseo lanzou a súa xavelina pero fallou. Ificles só conseguiu rozarlle nun costado. Cando o xabaril estaba a piques de arroiar a Anceo, Atalanta disparou unha frecha que alcanzou ao xabaril debaixo da orella e fixo que se desviase a súa traxectoria, salvando a Anceo, este desagradecido, non quixo recoñecer que Atalanta lle salvara a vida e berroulle:
- ¡Muller tiñas que ser!, estiveches a piques de alcanzarme coa túa frecha.
Cando o xabaril volveu a arremeter Anceo intentou darlle un golpe coa súa machada de dous gumes, pero o xabaril despezouno cos seus cabeiros. Peleo lanzoulle unha xavelina pero tamén fallou, a xavelina rebotou nunha árbore e matou a outro dos cazadores. Anfiarao, cunha frecha, alcanzou ao xabaril no ollo dereito. O xabaril, sentíndose ferido, revolveuse e acurralou a Teseo contra unha árbore, entón Meleagro achegouse ao xabaril polo lado dereito por onde non podía velo e cravoulle unha lanza no lombo, que lle atravesou o corazón, matándoo no acto. Inmediatamente Meleagro ofreceulle o trofeo a Atalanta pero os seus tíos protestaron: Non é xusto, Atalanta só provocou unha ferida, ti matáchelo.
E como non chegaron a poñerse de acordo e foron dunhas noutras, Meleagro, cegado pola ira, atravesou coa súa lanza aos seus tíos.

Morte de Meleagro

Cando a nai de Meleagro, Altea, se decatou que este matara aos seus dous irmáns favoritos sacou o tronco que gardaba e arroxouno ao lume.
Meleagro sentiu de súpeto un lume interno e unha gran queimazón e morreu lentamente cumpríndose así a profecía das tres parcas.

Hipómenes e Atalanta

O pai de Atalanta, rei de Arcadia, ao decatarse que a súa filla gañara a pel do xabaril de Calidón sentiuse moi orgulloso e mandouna chamar, dicíndolle: Benvida a casa, pídoche perdón por haberte abandonado, desde agora recoñézote como a miña filla e herdeira e buscarei un esposo digno de ti.
Pero como Atalanta prometera que nunca casaría díxolle ao seu pai: Casarei co primeiro home que logre gañarme nunha carreira, pero os perdedores deberán morrer.
O rei aceptou e durante un ou dous anos ningún pretendente logrou vencer a Atalanta.
Entón Hipómenes, bisneto de Poseidón, que se namorou de Atalanta ofreceu un sacrificio a Afrodita para que lle axudase.
Afrodita prestoulle a Hipómenes tres mazás de ouro para que puidese distraer a Atalanta durante a carreira. Empezou a carreira, Hipómenes ía tirando as mazás de ouro, unha a unha, e Atalanta íase agachando para recollelas. Con esta estrataxema o astuto Hipómenes puido vencer a Atalanta e casar con ela.






1 comentario:

mariajesusparadela dijo...

Pois, non é só en Lavandeira. A deusa ha estar de verdade feita una furia, porque mandou nacer irmas e irm´ns a eito, até seren unha verdadeira praga...campos arados...