martes, 5 de mayo de 2009

Nin "Pepas" nin "Pedros"




Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai compoñer cestos,
Xan vai podar as viñas,
Xan vai apañar o esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trae o estrume ao cortello,
e vai a fonte por auga,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito e o caldo...
Xan, en fin, é un Xan completo,
deses que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
case sempre atopa un Pedro.

Pepa, a afortunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentres seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátalle as pulgas ao gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
murmura coa irmá do crego,
mira se hai ovos no niño
bota un ollo ás maceiras,
e lambe a tona do leite,
e si pode bota un neto
coa comadre, que agochado
tráello embaixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera entre as mantas,
e ao velo entrar dille quedo:
-Por Deus non barulles moito...
que me estou mesmo morrendo.
-Pois que tes, miña mulleriña?
-Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
e ao cabo ha de dar comigo
nos terróns do cemiterio...
-Pois, miña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, miña mulleriña,
mentres os meniños deito.

De bágoas énchense os ollos,
de Xan ao ver tales feitos;
máis non temades, que entre mil,
non hai máis que un anxo entre os demos,
non hai máis que un atormentado
entre mil que dan tormentos.


neto: Medida de capacidade para líquidos equivalente a medio litro, e recipiente con esta capacidade.
madre: Órgano do aparato reprodutor dos mamíferos femias, que está destinado a conter o embrión e despois o feto ata que se desenvolva por completo.


Este poema é de Rosalía de Castro, pertence a Follas Novas, publicada en 1880. Esta obra, xunto con Cantares gallegos, foron escritas en galego; eu púxena en "galego normativo".
Follas Novas é unha compilación de poemas ordenados sen un criterio claro. O libro preséntasenos estruturado en cinco seccións: Vaguedás, Do íntimo, Varia, Da terra, As viúvas dos vivos e dos mortos.
Este poema pertence á sección "Da terra" e a autora dálle o título de "Xan"


Que fermosa sería a vida se non houbese tantas "pepas" e tantos "pedros"


Fraseoloxía galega: ser un Xan, ser un Xan de ninguén, ser un Xan de debaixo da cama, ser un Xan por entre elas, ser un Xanciño.


En Galiza existe unha lenda sobre Xan Quinto que era unha especie de Robin Hood á galega, tamén escritores do século XIX como Emilia Pardo Bazán fan referencia a unha bandoleira galega coñecida como Pepa a Loba


2 comentarios:

mariajesusparadela dijo...

Ti ben sabes que ten razón Rosalía: Hay un solo xan entre centos de Pedros. E, algunha Pepa (que non Pepita) entre miles das outras (viuvas de vivos que manteron a casa...).

Dilaida dijo...

María Jesús: Claro que Rosalía tiña moita razón, e por suposto que non é o mesmo ser "Pepa" que "Pepita". As "Pepitas" loitan cos "Pedros" e fan coma o "Xan".