sábado, 28 de febrero de 2009

Manifesto de Solidariedade


Hoxe pola mañá encontrei isto no blog Kabila e por suposto que eu tamén me uno
Máis de tres millóns de persoas padecen enfermidades raras, na web de FEDER, podedes unirvos ao manifesto. Moitas enfermidades que teñen cada unha delas poucos enfermos. Por iso están abandoados e non se lles dá o trato que merecen, ou simplemente non se tratan, nin por parte dos laboratorios farmaceúticos, nin do Estado. Non son rendibles. Hoxe celébrase o seu día. O día de tres millóns de persoas que se atopan desprotexidas, con problemas de diagnóstico, con axudas mínimas.

viernes, 27 de febrero de 2009

ÉTICA E DEMOCRACIA

Non hai democracia sen ética. Hai, ética sen democracia, pero non democracia sen ética.
A ética é unha concepción evaluativa da vida, un sistema de crenzas ou unha escala de valores socialmente compartidos, que animan a interpretación da realidade e que subxacen ás diferentes formas de organización institucional que unha sociedade decide darse.
Concepcións éticas neste sentido houbo, moitas, posto que todos os seres humanos, en todas as épocas e lugares, participamos dalgún sistema de crenzas morais que dá sentido e pon orde á nosa acción no mundo.
Pero,non todas as concepcións éticas foron democráticas: hainas xerárquicas, aristocráticas, fundamentalistas, patriarcales, colectivistas...
A democracia, pola súa banda, é unha concepción política sobre o goberno da sociedade que repousa sobre unha definición do que somos como individuos e dos dereitos e os deberes que nos corresponden como tales, é dicir, repousa sobre unha concepción ética. A democracia é un produto da modernidade occidental e non pode entenderse sen que se tomen en consideración as transformacións ocorridas nas concepcións éticas que lle serven de fundamento. Pode haber pois éticas non democráticas, pero NON PODE HABER UNHA DEMOCRACIA SEN ETICA.

Ourense, Ourense...

Estou "cabreadísima", estamos todos os días falando da educación dos nosos moz@s e que pasa da educación dos políticos?. Como se pode chegar ata ese extremo?
Baltar(un cacique que chegou á deputación de Ourense hai moitos anos e que controla a maioría dos concellos da provincia, premia a todos aqueles alcaldes que son do PP e castiga aqueles que son doutros partidos, que se inventa postos de traballo para os amigos e os fillos dos amigos e moitas cousas máis...Isto foi o que dixo dun Conselleiro da Xunta que é do PSOE :
"Está obsesionado conmigo y yo no soy candidato, no me presento, ni siquiera soy mujer porque entonces entendería que me tuviera ganas, si tiene obsesión por mí tengo que decir que es maricón". "Miserable y sinvergüenza".
Teño que dicir que o señor Baltar é segundo a súa biografía "maestro de EGB".Que lle enseñaría aos seus alumnos?

jueves, 26 de febrero de 2009

A peor cara da dereita

Imaxinemos que se publican fotos de Manuel Fraga ou de Alberto Núñez Feijóo, os dous últimos candidatos do PP á presidencia da Xunta, a bordo do barco do segundo empresario máis importante de Galicia. Imaxinemos tamén que don Manuel sobe ao Xarey tras cruzar o porto de Sanxenxo, á vista de todo o mundo. Seguramente diriamos todos -os que vemos as fotos e os que estaban asomados ás varandas do porto- que os poderes económicos e políticos, en definitiva, as persoas de orde, saben entenderse e respectarse. Como máximo, os máis retranqueiros, lembrarían aquilo de cada cal ten o seu igual ou cada ovella coa súa parella.

Agora imaxinemos que quen cruza o mesmo porto e se sobe ao elegante Xarey é o presidente socialista Emilio Pérez Touriño. Aí a cousa seguiría estando ben pero xa empezaría a cambiar. Non faltaría quen se preguntase que fará o líder dos socialistas galegos cun gran empresario e de que falarían persoas ás que os tópicos asígnanlles roles sociais tan preconcibidos como falsos. Pero, bo, sería unha imaxe tolerable, xa que o PSOE parece cada día máis un partido de orde e non aquel partido dirixido por uns mozos con pantalóns de pana e camisas de cadros.

Sigamos imaxinando. E vexamos agora cruzando o porto de Sanxenxo a un rapaz de Allariz, coñecido por Quin, que dirixe un partido nacionalista e de Galicia, e que chegou a ser vicepresidente do seu país, aliado cun socialista. De entrada habería xente que se puxese a comprobar se levaba a roupa mariñeira adecuada ás circunstancias pero, sobre todo, habería xente que non dese crédito á estampa. A que gran empresario galego se lle ocorre recibir no seu barco a un do Bloque, un deses políticos novos que nos queren converter Galicia nunha nación como Cataluña ou Euskadi?

Como Jacinto Rey non vai poder dimitir de si mesmo, Anxo Quintana debería facelo antes do domingo; non vaia ser que os galegos non se crean as mentiras da dereita, voten e perda o PP, con todo o que iso supón para a xente de orde, que é, en definitiva, a que debe subirse aos iates e non eses do Bloque, que nin falan castelán e non queren que as multinacionais se fagan cos recursos de Galicia.

Se me dis que foi o número un do PP pola Coruña -ou mellor, La Coruña- ao Xarey, pois, bo, iso está ben. En definitiva, Carlos Negreira está afeito a porse náuticos e sabe levar o xersei polos ombreiros, co estilo propio da xente fina. Agora, non me digas que se subiu ao barco Xosé Manuel Beiras cos seus rizos ao vento. E non porque neste caso non sexa unha persoa elegante, senón porque non vaia ser que se lle enreden. Os do Bloque está ben que vaian ás tabernas das aldeas e aos bares dos barrios; ata a algún concerto de violín, pero non aos veleiros de luxo, con empresarios.

Chega o 1-M e non deixa de ser un bo momento para que este país esperte. En liberdade.

José Luis Gómez periodista de Xornal.com




miércoles, 25 de febrero de 2009

A Vaca


Por mero accidente escornouse a vacua verba
contra a boca vacúa da atávica vaca,
o telúrico teto
que aleitou o alento ancestral
do noso sangue.
A vaca mesma, a vaca real,
a auténtica vaca,
a propia vaca, a vaca en si,
a vaca xénero e especie e individuo,
a vaca alindada
de lindo nome,
a épica vaca
de homéricos ollos,
a bucólica vaca
das humildes bocas
está morrendo na corte
esa mañá de domingo.
Sen vaca non habería verbo,
nin berce, nin verso
(os sucos do arado trazounos a vaca)
In articulo mortis faise evidente
que a vaca é entre todos o artigo primordial.
A vaca xunguida, a conxunción de todos;
a vaca no prado, o suxeito pacente;
o destino da vaca suxeito á xente.
E doe o seu refolgo substantivo
na hipotáctica corte
e resoa no sobrado e na eira adxectiva
a agonía adverbial da vaca,
o animal moribundo
morrendo nos pronomes
(e na memoria destes
os anos da fame).
Por iso non foramos á misa, porque a vaca morrera na corte tras unha fantasmal agonía na noite hiperbólica.
E o predicador (son moitos os que lembran aínda hoxe o caso) botara prestes (un dicir) pola boca contra aquela familia de ateos
Gonzalo Navaza: Libra, 2000.

A vaca é o símbolo da paz.

Vale máis o que significa unha vaca que o que simboliza un león rampante. Xa o dixo un dos nosos economistas: ” A árbore xenealóxica dunha vaca de leite é máis útil que a árbore xenealoxíca dun aristócrata”.

A vaca esquenceuse dos cornos e dános o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seus fillos. Non pode darnos máis.

A vaca é o amparo dos pobres libres.

Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os “concursos de Belleza”.

A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila.

Se non fose polo leite das vacas a piolleira das cidades morrería desnutrida.A vaca é a ama de cría da Humanidade.

O día que nós emitamos papel-moeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparíamos somentes, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuida.

O día que Galiza sexa unha comunidade cooperativa ergueremos un gran movemento cunha vaca de bronce dourado.

Tamén hai razas de vacas, e a mellor é a nosa.

O día que saibamos o que vale unha vaca, Galiza quedará redimida.

A. Daniel Rodríguez Castelao

viernes, 20 de febrero de 2009

Khalil


Ola, eu chámome Khalil, nacín unha noite de Xuño (o 26) hai tres anos, miña nai chámase Narda e o meu pai Urente, seméllome máis ao meu pai, son alazán coma el, a miña nai é torda, pero tamén moi guapa.
O meu nome púxomo Adrián, el dí que significa "bo amigo" en árabe e como son desa raza, por iso decidiu que me ía chamar así.
Non son moi alto, quedeime pequeniño coma o meu pai, son algo nervioso pero case sempre me porto ben, gústanme moito os nenos e cando vén Sami dende Ferrol (Sami ten 2 anos e medio) doulle moitos biquiños, bueno non sei dar bicos coma os humanos, pero arrímolle o meu fuciño a súa cariña.
Todos os días saio ao prado entre as nove e as dez da mañá, algúns días vai moito frio, as herbas están brancas pola xiada e entón eu e o meu curmán xogamos a un xogo que se chama "a ver quen pode hoxe", e un xogo moi entretido, pelexamos ata ver quen primeiro cae ao chan e despois xogamos tamén "o pilla" e hai veces que lle fago trampa para que non me pille, o meu curmán é un pouco inocente e deixase enganar.
Nos prados non temos case comida porque un animal que se chama xabaril encárgase polas noites de arrancar todas as herbas, cada mañá cando chegamos ao prado encontrámolo todo cavado, eu penso que ese animal debe de ter insomnio porque sempre vai polas noites.
Hai tempo tiñamos un amigo, viña todos os días a facernos compaña, era un animal que semellaba un can pero máis pequeno e cun rabo moi longo e peludo penso que lle chaman zorro, era moi bo, pero xa levamos moito tempo sin velo, ao mellor pasoulle unha desgraza.
A min gústame moito o pan, as froitas e todas as lambetadas que me dan.
De tempo en tempo aparece alí pola miña casa un home que non me gusta nadiña, quere tócarme nos cascos e iso non me gusta, sempre ten que picarme cunha agulla e despois eu quedo coma atontado e teño que estar quietiño aínda que non queira, o home colócame uns zapatos que fan moito ruído e tampouco me gustan.
A tardiña van buscarnos e lévannos para a corte, a veces eu asustome un pouquiño porque teño que ir pola beira da estrada e os coches non respetan a velocidade, pasan coma tolos, hai algúns que pasan polo meu carón facendo moito ruído. De todas formas xa me vou afacendo pois non teño máis remedio, para ir ao prado non hai outro camiño e nesa estrada non se debería poder pasar de 50 porque hai sinais de poboación pero iso aos humanos non lle importa.
Eu vou pedirlle aquí aos políticos que poñan sinais de animais, os meus donos pedíronas hai tempo, pero como non están censados nese concello, pois eles viven en Ourense e votan en Ourense, non lles fixeron caso ningún.

jueves, 19 de febrero de 2009

CANCIÓN PARA CANTAR TODOS OS DÍAS


Manuel María (1929 - 2004)



Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.

Hai que ser duros, pelexóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.

Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.

Seríamos, sen fala, uns ninguéns,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.

O idioma somos nós, pobo común,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.